Opinión

Culpable sen probas

Despois de escoitar que Pablo Ibar é culpable como mínimo a cadea perpetua, dúas cuestións asaltan o meu pensamento. Son dous temas que, en certa medida, desacougarían a calquera persoa con dous dedos de frente. A primeira, que non atino a entender, é como no gran imperio americano, terra que din das oportunidades e das liberdades, aínda se mantén vixente a pena de morte. Ben sei que o país referido aínda é moi xove e ten poucos séculos de historia, polo que mantén vivas cuestións que soamente viamos antano nas pelis de vaqueiros. Cuestións como son o acceso ceibe ás armas e a súa exhibición en público e as execucións sumarísimas. Todos sabemos que os EEUU naceron de xente fundamentalmente europea que, fuxindo de penurias e de crises no vello continente, emigraron sen papeis ó novo mundo americano; e alí, despois de machacar e case exterminar ás tribus indíxenas, crearon o país que hoxe coñecemos. Polo tanto, estamos diante un estado con pouca historia as súas costas e pouca perspectiva se o comparamos coas nacións e estados da vella Europa, onde naceron e medraron ideas, inventos e filosofías de todo tipo. Por iso hai referentes cara onde mirar e alí moi poucos. 

A segunda cuestión está referida ós principios que inspiran, ou alomenos iso é o que se di, os termos nos que se basa a xustiza. Pois se en Europa serás sempre un individuo inocente ate que se demostre con probas que es culpable, no Estado referido parece que é completamente á inversa. Pois tes que demostrar que es inocente de calquera acusación que che faga a policía contra a túa persoa. Este detalle, que non é pequeno, valora sempre máis as acusacións que a presunción de inocencia. Polo que, volvendo o asunto da condena do hispano-americano Ibar, todo o que lle acontece derívase dunha acusación.

No caso referido hai dúas cuestións que chaman a atención poderosamente, a primeira é como se pode condenar a unha persoa dunha maneira tan contundente sen expor unha argumentación e probas claras nas que se sustente tal sentencia? Este asunto lévanos a outra pregunta: é mellor que te xulgue un xurado ou uns xuíces? Pois os xuíces alomenos teñen que argumentar as causas da condena e sempre son máis imparciais e difíciles de se guiar por sentimentos.

Non cabe dúbida de que, no asunto da xustiza, pouco temos que aprender e menos envexarlle ó Estado dos ianquis. Posiblemente unha sentencia sen probas contundentes, aínda que fora dada por un xurado, en España sería corrixida por un tribunal superior. Pero nos Estados Unidos parece que aínda perviven atisbos da lei do oeste onde case sempre tomábase a xustiza pola man. En fin, por moitas eivas que teña a xustiza española, non hai comparación nin cor co que pasa no xigante americano. 

Difícil camiño lle espera a esta persoa. Difícil, tortuoso e angustiosos anos lle esperan nun país onde a xustiza ten uns costos elevadísimos para demostrar que eres inocente. Nun país onde a policía case sempre primeiro dispara e logo pregunta. Nun país no que, cando te deteñen, xa tes a consideración de culpable e iso ate te pode levar á morte. Pouco máis que dicir: ser culpable sen probas é unha traxedia e unha tristura.

Te puede interesar