Opinión

Unha distinción merecida

Con moita frecuencia acontece que somente nos decatamos das cousas boas que temos cando desaparecen.

Laiamonos da perda dalgún dereito, dun servizo ou mesmo da perda de persoas salientables cando chega a morte, aínda que sabedores das súas obras e do seu bo facer, esquecémolas durante a súa existencia. Algo semellante acontece co traballo que lle prestan institucións ou asociacións culturais á nosa sociedade. Servizos que, por mor da rutina, pasan desapercibidos sin que ninguén os recoñeza.

O pasado venres, no Liceo, nun acto sinxelo e emotivo, esta entidade entregoulle a medalla de ouro á Banda de Música da cidade. Unha agrupación musical que naceu no 1897 e que dende aquela data presta servizos ó concello e leva o nome da nosa cidade en actos institucionais e culturais por moitos lugares. Co salón noble cheo de xente, o presidente da entidade, Martinez-Pedrayo, lembrou que o Liceo, dende a súa existencia, sempre tivo unha relación moi importante coa cultura, coa música e coa cidade de Ourense, pois nas súas instalacións fixéronse e seguense a facer cantidade de actividades relacionadas coa cultura e a música. E recordou persoas e efemérides nas que a colaboración da entidade coa banda de música tivo un papel importante.

Logo, o director actual, Francisco Pérez, subliñou a boa acollida que tivo a única agrupación musical estable da cidade na entidade cultural para realizar, no patio interior do edificio, os concertos nas épocas de inverno. A continuación os presentes disfrutamos dun concerto ameno e distendido no que cabería resaltar unha programación que abranguía obras de autores que van dende Giuseppe Verdi, Soutullo atá Astor Piazzolla, e arranxos de cantigas populares de cantantes de música lixeira coñecidos. Obras nas que destacarei o papel dos tres solistas participantes: clarinete, trompeta e bombardino, que deron unha mostra de dominio instrumental e bo gusto interpretativo.

O concerto rematou coa interpretación como propina de “Ourense no solpor”, de Manuel de Dios, cantiga que está proposta para ser a melodía identificativa, ou se o prefiren, o himno da nosa cidade. En fin, un acto sinxelo, emotivo e cheo de recordos, no que unha banda de música que toca sumamente ben, que interpreta con gusto e que nos fai vibrar de emoción, recibiu unha distinción moi merecida.

Parabéns para o Liceo, entidade emblemática que tivo esta feliz iniciativa; noraboa para todos os profesores que forman hoxe esta gran agrupación musical que é a nosa banda; parabéns para o seu director, e un recordo para todas as personas que no pasado foron cimentando o bo facer desta entidade musical centenaria, insignia da cidade das Burgas.

Te puede interesar