Opinión

Dos soños a realidade

Xa choveu, mais aínda o lembro con moita claridade. Corría o 1975 e debatíase nas cortes franquistas a reforma que daría lugar á transición da ditadura á democracia. Como moitos mozos daquel tempo, sabía do acontecido na Guerra Civil e anos posteriores. Por iso eramos moitos os que esperabamos con ilusión a chegada dunha época nova onde todo fora mellor. A transición foi unha realidade e, aínda cos seus defectos, abriu paso a un tempo novo que naceu lastrado de vellas costumes e vicios herdados. Lembro que entón chegou a hora do compromiso político, pois abríase un tempo pra cultura, para as reivindicacións e melloras sociais e para que os que viviamos no chamado extrarradio puideramos mellorar a nosa calidade de vida. 

E así foi: a partires das primeiras municipais as melloras empezaron a ser unha realidade. Deste feito todo trocou nas comunicacións, nos servizos e incluso permitiu a moitos concellos ter casa propia, cando bastantes desta provincia estaban en condicións moi precarias. Había moita ilusión e no eido participativo e da veciñanza naceron asociacións e a vida tomou un camiño ilusionante. Mais co paso do tempo, chegou unha nova xeración que, descoñecedora das penurias, do traballo e das carencias do pasado, pensou que todo co que se atopaba caíra do ceo e non do esforzo dos cidadáns. Algo semellante aconteceu no eido cultural, onde as ansias de mellorar, debater sobre proxectos e ideas e ter unha visión máis ampla e humanista da vida, tivo o seu apoxeo. Co paso dos anos aquela ilusión foi esmorecendo e na actualidade parece que hai un desleixo, sobor de todo da xuventude, polo compromiso social e iso afecta o tema reivindicativo e cultural. Pois en Ourense hai poucas asociacións e as que existen a duras penas se manteñen. A xuventude actual, ademais de descoñecer parte importante do pasado, entrou na dinámica da ausencia de esforzo e sobor de todo deixase levar polo consumismo máis acrítico e a perda de ideais para afrontar un futuro que, paradóxicamente, castígaos especialmente a eles.

Isto que afirmo pode parecer esaxerado, pero é unha realidade que vive hoxe con nós. Se daquela época soñabamos cun mundo onde a cultura fora a ferramenta mellor para mellorar a sociedade, a día de hoxe, a mercantilización e a desideoloxización estanos levando polo camiño contrario e convertíndonos en masa mercantilizada que se emprega segundo a comenencia de quen move os medios económicos. E no medio dese troular de mensaxes manipulados, medias verdades e contos cheos de mentiras, todos, pero os mozos máis, son as vítimas dunha planificada e interesada idea. E así chegamos a confundir cultura, troula e festa. Chegamos a desprezar e ignorar traballos bos que buscan a sensibilidade e obrigan a pensar e reflexionar sobor da vida; traballos que son froito do esforzo e da creatividade humana; chegamos a banalizar o arte e a música e soamente nos vale escoitar o que nos machaca os oídos e fainos perder a sensibilidade pra discernir entre o gran e a palla. Os que soñamos con que aquela democracia traería máis cultura, percibimos unha realidade menos sensible e menos comprometida socialmente con moitas causas que nos farían mellorar como seres humanos. En fin, pasamos dun soño a unha realidade gris que se reflexa na nosa cidade e ate no goberno que temos. De pena.

Te puede interesar