Opinión

Dúas visións da pandemia

Opinión

Dúas visións da pandemia

Oenfrontamento dialéctico entre a Comunidade de Madrid e o Goberno do Estado dá pe para unha reflexión que ten dúas vertentes moi concretas. A primeira é que os intereses partidarios camiñan por riba dos intereses colectivos, cuestión que non deixa de ser un asunto moi grave. O posicionamento que as autoridades desta comunidade están a facer é un tanto cicateiro e chusco, dado que pretenden aproveitar a pandemia para ter unha cancha política que a día de hoxe lle permita afianzar un liderazgo para seren alternativa ó actual Goberno. A segunda, que é a máis importante, deixa entrever unha maneira de afrontar a pandemia que, ainda que non se di abertamente, pon a economía diante da protección da saúde.

Esto que afirmo lévame a aseverar que, en política, moitas veces non se fala con total franqueza. Ou sexa: non se di o que realmente se pensa. Pois o que propoñen as autoridades madrileñas diante este problema mundial é que a economía importa máis ca saúde. E as mortes son o tributo que hai que pagar para seguir existindo, pese a quen lle pese.

opi_14

Vivimos en Europa e todos os gobernos da UE tomaron como primeira medida a protección da saúde e das persoas. E na Comunidade de Madrid parece que gobernan os negacionistas. Aínda que non se atreven a dicilo con claridade, actúan de maneira moi semellante a do presidente dos EEUU. 

Madrid din que é España, e parece que sin Madrid nada se pode mover na Península. Esta afirmación lémbrame unha frase dun madrileño que con certa soberbia un día díxome: “Vosotros los de provincias...” Ou sexa: como non somos da capital do reino, pois somos menos ca eles. Nada me extraña de que a súa presidenta actúe con certo grao de prepotencia. E dígoo, pois parece unha muller sen personalidade que sigue os ditados de Casado. Vamos, un maniquí que obedece sen rechistarlle ao xefe, mentres parece feliz dándolle leña ó Goberno do Estado. 

Cando nun país hai dúas visións sobre unha pandemia mundial e ignóranse os consellos dos entendidos no asunto, mal imos. E se, ademais deso, aprovéitase o momento para ir contra o Goberno, semella que certos líderes políticos son uns inconscientes, pois antepoñen os intereses partidarios e persoais por riba dos intereses de milleiros de seres humanos. Esta maneira de actuar resulta noxenta e perigosa. E iso é o que acontece hoxe na capital do reino. O chauvinismo do gobernantes da comunidade madrileña lévaos a dar a murga permanentemente e facer todo o contrario do que fan os demais gobernos europeos. Ben sei que a economía non se pode parar plenamente; mais tamén sei que os problemas hai que arranxalos escoitando e dialogando. Pero neste pais aínda hai moita visceralidade que emana desa visión cutre herdada da ditadura franquista. En fin, que en política hai que falar con claridade e buscar acordos pra acadar solucións os problemas. Do contrario imos por mal camiño.