Opinión

Eleccións en novembro?

En pleno verán, no tempo de lecer e de deixar por uns días a rutina diaria do traballo, unha inmensa maioría de cidadáns miran de reollo ó que aconteza no referido á formación do Goberno. Os novos líderes andan enfarelados nun cruce de acusacións que levan a acción política cara un camiño de provisionalidade e incerteza. Aínda que todo camiña cara o fortalecemento do bipartidismo, as forzas que chegaron para rexenerar a vida política, de maneira moi lenta, van perdendo espazo coas súas decisións controvertidas. E o certo é que, de non mudar as súas estratexias, mermarán ate disolverse como se fosen un terrón de sucre nun vaso de auga. Por iso, o feito de que poidan repetirse as eleccións de novo pesa sobre as súas executivas e iso pode que faga que algúns opten por mudar as súas posicións e o voto nunha nova sesión de investidura que está por ver se chegará.

Cada quen pode velo como lle pareza, pero o certo é que intúese moi pouca rodadura, sinxeleza e sentido de estado dos novos xefes partidarios. O rexeitamento, por segunda vez, do presidente en funcións marcou un fito que entendo só ten dúas saídas. A primeira é que os de Pablo Iglesias voten a favor sen entrar no goberno, xogando posteriormente un papel importante para a aprobación de leis e proxectos do executivo, pois deben saber que os seus votos son precisos, pero non chegan pra acadar a maioría absoluta. E de non ser así, so queda a segunda opción, que é a da abstención dalgún grupo da dereita, cuestión que parece imposibel. 

Este é o panorama que se vislumbra. A nova esquerda sempre tan ideoloxizada e engreída polo afán de chegar ó ceo, de ser a garda das esencias da política teórica do progresismo e a xustiza social, está a piques de cometer un erro colosal. Esa nova esquerda parece non entender que os seus votos non chegan para aprobar unhas leis importantes, e que o Goberno precisa do voto doutras forzas parlamentarias para sacar adiante as contas do Estado, por exemplo. 

Pero ademais do dito, despois do que leva chovido, percíbese que, entre todos estes novos líderes, existe un grao moi alto de desconfianza e incluso de certa xenreira. Pois cando chegou a denominada esquerda dixéronse moitas cousas que son indicativas da falla de experiencia e saber estar, todas adobadas cun certo grao de mesianismo egocéntrico. Supoño que, para moitos, aínda resoa aquelo de: non nos representan; hai que asaltar o ceo; o da cal viva, e outras lindezas que non son máis ca imprudencias destes dirixentes universitarios e moi teóricos, pero moi pouco experimentados.

E así andamos, pois mentres pola dereita os pactos flúen sen facerlle asco ós neofranquistas, pola banda da chamada esquerda parece que as leas son a causa do desacordo; e iso cansa e moito á xente que votou por esas opcións. 

En fin, esperemos acontecementos, pero se a ausencia de sentidiño impera, en novembro volveremos votar. E logo, ó ver o resultado, volverán escoitarse os laios e desafectos dunha maioría social que mira cara uns dirixentes pouco maduros e con moito ego, pero con escaso sentido de entendemento e colaboración pra traballar polo común.

Te puede interesar