Opinión

Era visto!

O título pode semellar un chiste por ser o dun programa retranqueiro que durante un tempo emitiu a TVG. Mais o tema non vai das andanzas dos personaxes que deron vida a esa serie. O tema é outro, e aínda que se tome con certa retranca, ten moita enxundia e aféctanos a todos os que formamos a sociedade desta provincia e cidade ida a menos.

Ben sei que a política, actividade precisa para o bo funcionamento da sociedade, é necesaria. Mais partindo dese principio, na política teñen que existir unha normas que, aínda que non estean escritas, polo ben da sociedade, sexan de obrigado cumprimento. Se non se fai así, a degradación derivada do exercicio da mesma aféctanos e a democracia dexenera e arruínase. 

Na nosa cidade, dende hai un tempo, falar de ética na política resulta algo anormal. Hai máis de seis anos que entramos nunha deriva moi perigosa: os plenos carecen de contido; non hai asuntos de futuro que sexan de interese. Non se resolven temas e problemas importantes que estean na mente dos ourensáns, etc, Mais, iso si, discútese sobor dos que ten que cobrar a costa do erario, cantos liberados debe ter un grupo e outros asuntos que carecen de interese cidadán.

Hai uns días, o gran muñidor sae á palestra cunha declaración branqueando o rexedor do Concello e dicindo que quen gañou as eleccións nesta cidade sería peor alcalde con que hoxe está. O anuncio que dá este pitoniso apunta que todo camiña cara a restauración do pacto que levou a Jácome á poltrona municipal. E por ende seguir dalgunha maneira montados no machiño mantendo importantes concellerías. 

Agora que o señor Villariño comunica que se aparta e non aspira á alcaldía, cumprindo a condición que lle esixía o PP pra chegar a un pacto e asinar unha moción de censura, os populares contestan que a súa palabra non ten valor, dando a entender que están dispostos a manter no poder a Jácome pase o que pase e custe o que custe. 

E claro, as preguntas que moitos ourensáns nos facemos, lévannos a ter curiosidade por saber se algo cambiou nesa casa de todos para xustificar a volta a ise goberno e afrontar os graves problemas que ten a cidade de Ourense. Xa sei que a curiosidade é atrevida, mais entendo que, pra argallar unha nova maioría, hai que falar cos edís que denunciaron o ínclito alcalde. E iso implica unha volta ó inicio do mandato. Pois doutra maneira non se ve como se xuntan 14 votos pra gobernar. 

En fin, sabedor de que en política, e máis nesta cidade, todo é posibel, espéremos acontecementos. Esperemos a ver como se xustifica o non asinar unha moción de censura para sacar a un alcalde que desfai mais que fai; que desprestixia a unha cidade e a súa institución, cuestión que nos avergoña como cidadáns desta Auria. Pero, visto o visto, preparémonos pra afrontar un novo capítulo da comedia bufa ou, se o prefiren, do “Era visto” ourensán, pois teremos esperpento no Concello durante dous anos máis e o único responsabel desta desfeita será o sr. Feijoo, Baltar e o PP. Ademais, a palabra dada no seu día polo exalcalde Jesús Vázquez, poñendo as condicións esixidas polos populares, non valerá ren. Ou mellor, será a dun home de palla. De pena.

Te puede interesar