Opinión

España, España

Vivimos un tempo especial. Un virus inesperado irrumpiu nas nosas vidas e o Goberno tivo que tomar medidas especiais para frear unha pandemia mundial que de súpeto trouxo moitos milleiros de mortos. Estamos a pasar unha crise que, queiramos ou non, deixará unha marca e uns estragos persoais e económicos que, en maior ou menor grao, teremos que pagar todos. Cada estado afrontou a crise da mellor forma que puido, e aínda que houbo moitos erros, en Europa case todos os gobernos afrontaron o covid-19 partindo dun principio: a saúde do ser humano estaba primeiro e logo a economía. Houbo que restrinxir os movementos das persoas pra frear a pandemia, para logo poder camiñar cara á normalidade e que a roda económica volva dar voltas.

Mais, un sector que patrimonializa o nome de España como se fora unicamente deles saíu á rúa cos seus carros e bandeiras clamando liberdade e pasando ampliamente das normas sanitarias que a todos nos obrigan. E o velos coa simboloxía, algúns preconstitucional, na mente de moitos cidadáns volveu a imaxe da España de roxos e azuis que noutro momento enfrontou a uns con outros.

Estas imaxes, e outras pertencentes a outros países como é o caso de Brasil, avivan a memoria e sinalan que, dende hai uns anos, rexurden ideoloxías baseadas no radicalismo que a mediados do século XX trouxeron o fascismo e o nazismo na vella Europa. As novas tecnoloxías e as redes sociais son o camiño perfecto que se presta para a difusión e manipulación de sectores sociais que son proclives a crer nos novos encantadores de serpes. Novos deuses que predican xenreira, odio ó diferente e exclúen ós que non pensan coma eles. O vídeo no que o presidente do Brasil arremete contra xuíces e gobernadores daquil estado é unha proba da degradación da democracia ó elixir a persoeiros como Bolsonaro, que co seu predicamento engaiolou a moitos brasileiros. E desta maneira chegaron ó poder xentes con poucos escrúpulos que gobernan pra impor réximes antidemocráticos.

A forza bruta dos mellor acomodados ensina os dentes clamando liberdade pra manipular ó seu antoxo e cercenar esa liberdade de pensar e vivir en comunidade dende o respecto. Ensinan a faciana para lembrar, ós que non pensan como eles, que eles son os donos da casa común e os demais son, ou se prefiren somos, alugueiros. Reclaman o poder que pensan lles pertence dende sempre. Berran España, España como se este territorio somente fora deles. A manifestación do domingo amosa a arrogancia dos que mellor viven, dos ben acomodados e sinala que o humanismo social perde espazo nesa zonas onde non se quere ver a precariedade dos desfavorecidos; moi pouco lles importan as colas das xentes indo ós comedores sociais a pedir mantenza.

As expresións e algaradas do domingo demostran que o respecto institucional nada importa. E que un sector social mira cara o franquismo con nostalxia e quere demostrar que aínda está latente e activo. En fin: esteamos atentos pra non caer na trampa do enfrontamento.

Te puede interesar