Opinión

Ética, moral e xustiza

Un compañeiro de traballo que finou hai anos, certo día por unha discusión por mor de recibir dádivas estando nun posto de traballo público díxome: “A conciencia é segundo se queira ter e pode ser máis ancha ou estreita segundo a comenencia e o momento”. Isto que parece unha nimiedade funciona en amplos sectores sociais e, chegado o momento, hai quen se agarra a este concepto para xustificar determinadas actitudes que moralmente e eticamente son perniciosas. Se a moral son normas concretas, e a ética ten un eido moito máis amplo e xenérico, a xustiza para condenar precisa probas concretas e, ás veces, por mor do que sexa, non se buscan aínda que salten á vista, pois existen. 

E seguindo estas premisas hai cantidade de actitudes que son eticamente pra repudiar. Mais por non investigar, ou por desidia, ou peor, por mirar para outro lado a Xustiza non actúa como debera e polo tanto non condena. 

En Ourense unha gran parte da sociedade coñécese e sabe moitas cousas que se cocen en cada fogar ou familia e mesmo empresa. Desta maneira todo mundo sabe que un grupo de colegas non é un partido político. Todo o mundo sabe o que di o refrán: dime con quen andas e direiche... Tamén é sabido que mesmo no noso Concello, para ter unha asociación veciñal ou cultural cada ano hai que presentar certificación na concellería correspondente do estado de contas, número de socios, proxectos, actividade a facer e dar o nome dos cargos elixidos en asemblea. E isto faise porque os cartos públicos teñen que ter un control completo por parte da administración competente. 

Seguindo isto, como é xustificable que unha organización política que nin ten asembleas, onde se discuten as liñas e programas, exista sen ningún tipo de control e sexa a que goberne unha institución pública e, ademais, reciba importantes beneficios económicos dela; beneficios que logo administra como lle ven en gaña un único persoeiro? O asunto ten tela e indica que algo funciona mal, moi mal, nesta nosa sociedade. Ou sexa: un par de colegas montan un chiringuito e como teñen un pequeno medio de difusión lanzan a idea de que todo o que está no Concello é unha merda e que eles vano arranxar e corrixir en pouco tempo. Reciben un apoio importante de veciños, e por riba o líder reparte cargos e cóbralle o diezmo aos escollidos, pois teñen choio grazas a súa vontade.

En fin, e diante a denuncia dese amaño, a Xustiza mira para outro lado e dispara fogos para outra administración. Alguén o pode entender? Pode xustificase racionalmente esta anomalía? 

Que lixeira andivo a Xustiza para activar as denuncias que no seu día se fixeron contra membros da corporación local; e digo lixeira, facéndonos pasar polo trámite da declaración e exposición o escarnio público. E que cega está agora pra actuar e poñer luz diante tanta escuridade.

Que a ética e a moral a día de hoxe no grupo que goberna o Concello non existe a ninguén se lle oculta. Pois fan igual ca aquel compañeiro de traballo meu. Pois eles esixíanlle ós demais o que eles mesmos non cumpren. Con todo, hoxe parece unha evidencia que a Xustiza está cega, e un chisco xorda e non escoita. De pena.

Te puede interesar