Opinión

Europeos a medias

Nesta España, onde irrumpiron novos líderes políticos, vivimos uns tempos nos que o razoamento e a coherencia entre o que se di e o que se fai escasea ou, mellor dito, non existe. Son dirixentes moi europeos para algunhas cousas, mais noutras actúan como se foran terceiromundistas. Despois de escoitar as declaracións desafortunadas do nuncio do Vaticano sobre o franquismo, declaracións que amosan saudade por volver a un tempo escuro onde a Igrexa levaba baixo palio ó dictador, un titular que circula polas redes sociais chamoume a atención. Falaba dos mortos de ETA e os asasinados pola ditadura franquista que aínda están nas cunetas. E o lembrar e valorar algo sobre aqueles que foron asasinados hai que ser moi prudente co que se di. Os mortos todos son iguais, e sobor de todo cando foron vítimas da inxustiza e do terror viñera de onde viñera.

Hai uns días a TV pública fíxolle unha entrevista ó señor Otegi. Nela escoitáronse respostas que, ademais de non condenar o terrorismo, parece que xustificaban as accións infames da banda ETA. Parte das chamadas forzas constitucionais saíron en tromba a falar de branqueo da figura deste persoeiro. E todos culpaban a TV pública de querer lavar a cara dun señor que xustificou a violencia etarra. Polo que parece que 900 e pico mortos de ETA seguen a ser un asunto rendible para esas organizacións partidarias que o lembran a miúdo. Claro, esquecendo que esta España tan europea, pra algunhas cousas, sigue sin render contas co seu pasado; sigue sen axustar as contas coas persoas machacadas na súa época máis escura, e mantén a máis de cento trinta mil mortos sen nome nas cunetas das estradas e nos cimiterios. Os seus familiares, en segunda e terceira xeración, seguen a esperar unha mínima reposición do agravio que se lles fixo na época anterior á democrática. E tanto é así que, na maioría dos casos, pagando do seu peto, ou coa axuda de organizacións a favor da recuperación da memoria, andan abrindo fochas e identificando ós seus, aínda que iso, a día de hoxe, xa non sexa noticia.

Isto, que é unha realidade, non parece importarlle ós líderes deses partidos que claman e berran cando Otegi fala nun medio que non branquea a ninguén, senon que pon branco sobre negro, que amosa e descubre a faciana dun individuo que xustifica o terrorismo, cando debía pedirlle ás vítimas perdón por tanto dano que se lles fixo.

Os mortos de forma tráxica todos son iguais, ainda que os líderes duns partidos lembren so a uns e desprezen ós outros.

Na Europa onde estamos integrados tamén houbo guerras, mais todos os estados axustaron contas co seu pasado e traballaron para pechar definitivamente os seus tempos escuros. Cuestión que en España non se quere afrontar. Por iso, dá noxo que dirixentes políticos tenten acadar réditos electorais do terrorismo máis recente e, pola contra, impiden pechar definitivamente unha época escura da nosa historia común.

En fin, parece que somos europeos a medias.

Te puede interesar