Opinión

As facturas do PXOM de 2003

Como se fose unha sombra, aínda planean sobre nós as chapuzas e falcatruadas do PXOM de 2003. Aquelo de cambiar os planos non foi unha cousiña sen importancia como dicían algúns membros daquel goberno. Non. Foi algo moi serio que a cidadanía non soubo valorar na súa xusta medida. E agora van chegando as facturas. Facturas que, de confirmarse, pagaremos a escote todos os veciños desta Auria. Estou plenamente convencido de que a grande maioría dos habitantes do noso concello ignoran as consecuencias económicas que tras de si trouxo a caída do documento referido. 

A primeira é que aínda estamos sen plan, pois a corporación actual ignorou a aprobación inicial do que, seguindo todos os requisitos, fixera o bipartito e quixo empezar outro novo. E agora seguímonos rexendo polo de 1986, asunto negativo que tamén crea parálise e inseguridade xurídica. A segunda e o parón de novos proxectos que estaban previstos. A terceira, un gasto innecesario de cartos para redactar outro documento urbanístico. E a ultima, as demandas e asuntos ós que agora obrigan ó Concello pola sentencia de derrubo do edificio da rúa Marcelo Macías.

Supoño que moitos ourensáns andarán ao loro, pois a xustiza obriga a cargar co morto dos gastos derivados da execución da sentenza contra o edificio sinalado. Noventa vivendas que, de non mediar algún milagre e posterior modificación da sentencia, teñen que ser derrubadas a cargo da institución municipal. 

O caso é que os propietarios non son os responsables do asunto. Mellor, son os sufridores. E agora seremos todos os que teremos que apoquinar cargando cun morto moi pesado; o que implica unha cuantía económica que pode hipotecar as arcas municipais por moitos anos.
Supoño que na campaña próxima das eleccións sairán a relucir moitas cousas, menos este asunto. Dado que aínda que a prensa recentemente informou del, os grupos políticos nada dixeron. Ademais todo o referido coincide coas verbas do presidente Feijóo, afirmando que temos o mellor alcalde de Galicia. Verborrea obrigada a do presidente, pois que outra cousa podería dicir. 

As cafradas que no seu día fixeron os populares chaman á porta. E por moito que diga Feijoo, vanse pechar catro anos escuros dunha corporación que nin ten rumbo nin aspira a telo. Unha corporación que non ten modelo de cidade nin pretende facer algo positivo nela. E o malo é que, segundo parece, todos os actores de catro anos perdidos serán os primeiros espadas da futura corporación. En fin, esperemos a ver que milonga nos contan os herdeiros do grupo político que fixo a tropelía do PXOM de 2003 e hoxe malgoberna o concello. E tamén esperemos a ver como queda o asunto do derrubo. Por se temos que pagar pola mala xestión dos que nunca foron imputados, pero que actuaron como cafres, aviados imos.

Te puede interesar