Opinión

Falar na casa

Un anuncio publicitario que circula polos medios estes días chamoume a atención. Nel presenta unha xuntanza familiar onde os máis novos alardean de que coñecen todas as últimas novidades dos aparellos técnicos e da linguaxe actual que impregnan a nosa vida. Pola contra, amosa que descoñecen todos os detalles e aconteceres da familia; ignoran os avatares que pasaron seus pais e avos tempo atrás, así como as datas importantes que eran motivo de lembranza familiar, e un longo etc. Son os tempos modernos e o pasado familiar pouco importa, e o dos pais, menos. E como vivimos tan engaiolados polo presente non vemos outra cousa.

Pois ben, o mentado anuncio tróuxome á memoria a frase tan manida que di: quen descoñece o pasado dificilmente entende, valora, sopesa e analiza o presente. E non so iso, senon que non evalúa nada do que ten, pois pensa que moitas das cousas que hoxe forman parte da nosa vida, os aparellos que temos nesta sociedade imperfecta e chea de contrariedades, caeron do ceo e chegaron a nós sen ser gañados co esforzo e o avance da colectividade en xeral.

Xa sei que esta é a sociedade que hoxe temos. Na que a transmisión oral pasou a ser case silenciada mentres ollamos outros medios alleos que relegaron falar e conversar entre pais e fillos a un cativo espazo. Nos fogares xa non se escoitan os consellos nin as andainas habidas, e menos saber como vivían os nosos pais e avós. Iso quedou reducido a unha frase: “non me contes leas, ou mellor batalliñas”. Fálame do momento presente e do futuro que o demais non me interesa ren.

Nos nosos lares entraron voces, medios e maneiras de comunicarse, sen dúbida necesarios, pero que hai que racionalizar e empregar o preciso e facelo no momento axeitado. Medios que, en moitos casos, soamente falan de modernidade, verba que pode levar a un grande erro. Medios que so amosan a parte lúdica e banal dunha sociedade que so quere festa irreflexiva. Sabedores de que non toda modernidade nin toda moda significa progreso. Vivimos no tempo onde, maiormente, promociónase o individualismo, cuestión que non é pequena, pois se non se mantén un equilibrio entre o colectivo e a liberdade individual pode que todo camiñe cara un único lado, e iso implica a renunciar a conquistas sociais e a ser un chisco máis egoístas.

Cecais pareza un asunto cativo o de non conversar en familia, saber máis do pasado dos nosos pais, pero o tema ten o seu aquel. É sumamente preciso que os fillos escoiten ós seus proxenitores. E que entendan que o saber, ademais de non ocupar espazo, danos experiencia para entender moitas cousas do presente e buscarlle solucións. Vivir no século XXI non xustifica que renunciemos a saber algo máis do pasado, e de como levaron a vida os que nos trouxeron a este mundo. Por iso é sumamente preciso falar máis na casa a hora do xantar, en calquera momento. En fin, platicar sempre é positivo. Feliz Nadal.

Te puede interesar