Opinión

Falaron os galegos

O domingo pasado falaron as urnas cunha participación histórica. E agora chegou o momento de quitar conclusións para interpretar a súa mensaxe. A primeira é que a gran maioría social non quere falar de neofranquismo nin de mirar a un pasado xa superado. Neste senso as mensaxes, trolas e insultos que fixeron os líderes populares, de cidadáns e da extrema dereita durante a campaña foron determinantes para que moitos cidadáns lles retiraran o apoio a estas forzas e buscaran acougo naquelas nas que sabían que o voto ía ter representación, alomenos nesta provincia. Con todo, a extrema dereita xa está presente na vida política e hai que ter ollo. Por iso, moitos galegos non querían maxinar un goberno no Estado semellante ó tripartito que existe en Andalucía. 

A segunda é que a grande maioría dos votantes entende que falar con todos os partidos non é pactar nin rachar a unidade territorial do Estado. E menos facer unha traizón nin vender España. España é diversa e a maneira de artellala pasa polo dialogo e o consenso, e non por aplicar sen máis o artigo 155 e criminalizar ós discrepantes.

A terceira é que que, nun tempo de crise, non se pode cargar todo o peso na parte social; se non que hai que repartir os custos para facer máis levadeiros os sacrificios que impón a recesión. Eses serían os eixos sobre os que se cimentou a campaña que lle deu a vitoria ós socialistas.

Xa referíndome á non presenza do nacionalismo galego no Congreso, dita ausencia soamente se lle pode achacar a falla de unidade das forzas galegas. E pra iso o nacionalismo galego debe superar os personalismos e chegar a unha idade adulta que lle dea perspectiva e visión de futuro. Mentres os líderes non teñan a capacidade de artellar unha candidatura unitaria para o Congreso na que se inclúan uns mínimos de acción, non se superará o tempo do resistencialismo no que viven ancorados dende a Transición.

Unha dirixente falaba na noite electoral de que melloramos en votos. E facíao como se fora unha gran vitoria, cando non hai un so representante galego en Madrid. É verdade, o BNG doblou os votos pero iso non permitiu chegar ó obxectivo perseguido. Falar para uns miles de votantes non é a solución. Como tampouco o é dicir que fomos xenerosos e cedemos os votos ós partidos do Estado. Buscar acordos de unidade de acción para facer unha política posibilista que mellore a vida dos galegos é a clave. E mentres o nacionalismo siga preso do dito de “eu teño unha leiriña máis grande ca túa”, ou siga cheo de personalismos estúpidos, non acadará un resultado que sexa determinante e bo para a sociedade galega.

Por último, a vitoria do progresismo en Galicia pode abrir a porta á consolidación dun poder municipal que sente as bases para gobernar a Xunta. E en Ourense para desbancar ó baltarismo da Deputación. En fin, os cidadáns falaron e dixeron claro é alto que, o de volver a España en branco e negro non vai ser posibel. Tendo ás portas as municipais, esperemos acontecementos. E a ver se muda algo neste Ourense que esmorece día a día.

Te puede interesar