Opinión

Feijóo e a mangueiriña

Opinión

Feijóo e a mangueiriña

Neste verán, cando o coronavirus sigue condicionando as nosas vidas e cando ó emérito vaise a vivir ás anchas no Caribe, cúmplense 12 anos daquela foto na que o señor Feijoo saíu a apagar un incendio mangueiriña en man. Gobernaba o bipartito e o actual presidente quería dar exemplo facendo campaña electoral, dado que tentaba demostrar que todo ia moi mal con aquela coalición de radicais. E dicía que cando el gobernara remataría coa lacra dos lumes que asolan esta terra dende hai moitos anos. Agora, cando van tres lexislaturas e os lumes seguen amolando esta terra con tanta intensidade ou máis que naqueles tempos, chegou o momento de afirmar que todo segue igual ou peor que daquelas. 

O tempo voa e os anos pasan, mais os problemas que teñen diversas causas e que están fondamente relacionados coa morte do rural, seguen sen poder arranxarse e reclaman solucións que, despois de doce anos, non chegan. 1.535 hectáreas queimadas no lume de Alvarellos indican que as cousas non van ben. Doce anos van daquela foto e nada hai que nos faga albiscar que esta outra pandemia terá solución. Doce anos de conto e sen ningún proxecto salientabel coñecido para solucionar un asunto que ven de vello. E iso que a terceira lexislatura iba ser a do rural. Menudo conto, señor presidente.

Esperemos que a pandemia do virus non dure tanto como a dos lumes e que a vacina remate co bicho maléfico e desa maneira poderemos camiñar sen o tapabocas.

Feijoo, desta vez, renovou resultados electorais sen facer o paripé da mangueiriña, polo que pode gobernar comodamente. O rural galego segue esmorecendo igualiño que esta nosa provincia. Mellor: segue morrendo. Non estaría mal que os galegos nos miremos no espello e, facendo unha reflexión individual e logo colectiva, digamos se preferimos que todo siga igual e vexamos o lume campando á beira das casas, ou pola contra lle plantexemos seriamente a quen goberna que atalle con fondura de miras e vista longa un problema estrutural que non se arranxa soamente con avións e xente apagado lumes. Esperemos.