Opinión

Fogos de artificio

O xoves pasado, diante un bo cocido, xuntámonos unha boa parte dos que no seu día formamos aquil denostado, polos medios e a dereita ourensá, bipartito que gobernou a cidade das Burgas. A absolución, no caso das asistencias técnicas, foi o motivo de tal xantar. E esa xuntanza avivou as lembranzas, o traballo feito, os malos momentos e, sobor de todo, xurdiron as comparacións co que hoxe temos e goberna, por dicir algo, a cidade de Ourense. Cidade onde soamente hai anuncios con fogos de artificio que logo non son máis ca titulares de prensa sen tino nin contido que permita albiscar algo serio que se poida facer.

A primeira cuestión que se valorou foi que cando naceu o bipartito PSOE-BNG, as críticas deseguida xurdiron aireando e esaxerando as debilidades e ocultando as cousas que se facían ben. Daquela, as asociacións veciñais reivindicaban con moita vehemencia. Cuestión que choca co silenzo co que actúan dende hai un tempo. 

Outra cuestión da que se falou, foi das moitas denuncias que, sen base, presentábanse nos xulgados e que foron admitidas a trámite, cando algunhas tiñan que ser resoltas pola vía administrativa e non pola penal. Igualmente comentouse o asunto da actuación da Fiscalía ourensá e lembrouse o ise fiscal de ingrato recordo. Fiscal que no asunto do PXOM mirou para outro lado e non investigou o cambiazo dos planos. E, entre unhas cousas e outras, chegamos a conclusión de que o denunciante e os que o auparon ó poder, son os que gobernan hoxe esta cidade do interior galaico. Polo que axiña saíron as ocurrencias que día a día propón o alcalde actual, asi como o deterioro da imaxe institucional que sofre o Concello. Tamén falamos da simplificación dos problemas da urbe e a aparición de asuntos que nunca foron reivindicados polos veciños. 

Este é o caso das escaleiras mecánicas en varios lugares, ou unha torre de oitenta alturas; logo o asunto dos coches: que se os regala e viaxa en VTC de alta gama; da linguaxe populacheira e chocalleira que emprega nos plenos o rexidor e moitas cousas máis. 

En fin, falouse de case todo, houbo moi boa camaradería, e ollamos o futuro desta urbe con moita preocupación. Pois concluímos que en Ourense un sector moi importante da poboación xa renunciou a ter un concello que funcione e que teña un proxecto de cidade normal. Xa non aspira a vivir mellor nin a ter mellores servizos. Mellor, válelle calquera charlatán e titiriteiro que os goberne. Na cidade das Burgas, xa reina un conformismo que soamente aspira a ir tirando, que é tanto como ir morrendo día a día.

Como en toda reunión humana houbo moi bo rollo. Lembramos a ausencia de quen xa finou e non pode estar con nós. E, entre conversas e saudades, foi camiñando unha xuntanza, case un magosto, no que a camaradería e o compañeirismo saíron reforzados. E nestes tempos nos que Ourense camiña cara unha deriva de populismo barato que non traerá nada positivo, consumimos un xantar de lecer que de seguro levaranos a tecer e afondar en amizades duradeiras.

Te puede interesar