Opinión

Ese galiñeiro chamado Congreso

Cando sigo as sesións do Congreso e escoito as intervención dalgúns deputados e deputadas, axiña caio na conta de que os que falan xa teñen asignado un papel feito á medida da súa personalidade. E actúan seguindo o mandato do grupo como bos gregarios que son. Desa maneira, que hai que dar caña para afogar unha acusación que ten difícil argumentación, ou parar unha determinada proposta? Poñemos á persoa que solte merda pola súa boca, dado que sabemos que a xauría vai aplaudir a rabiar. E os fans, acríticos coma sempre, porán nas redes o de “me gusta” e compartiran o vídeo moitas veces. Esta é unha das realidades que se palpa, a día de hoxe, nas estratexias partidarias e que dende a oposición ó Goberno actual se emprega a miúdo.

Sempre se dixo, e aínda se repite con moita insistencia, que o Congreso é o lugar onde ten que reinar a palabra e o diálogo; onde contrapondo propostas e argumentos para defender as ideas, fálase e discútese dentro dun orden e un respecto. Mais coa chegada ó mesmo dunha xeira de novos rapaces, chamémoslle líderes, o lugar estase a converter nun galiñeiro ou unha canceira, onde moitos, non todos, os intervintes máis que falar insultan, agreden coas verbas e non lles interesan pra nada os argumentos.

Escoitei hai uns días unha intervención dunha deputada e quedei anonadado da súa capacidade teatreira así como da súa vehemencia á hora de falar. Nin un so argumento, nin unha soa verba de sosego. Todo falar atacando e facendo unha xesticulación propia dunha obra de teatro. O importante era destruír ó adversario, neste caso ó Goberno. E ise discurso lembroume ós que facía hai un tempo quen hoxe é o alcalde de Ourense; soamente tiña un obxectivo: desfacer, insultar, maltratar a gobernos e a institución e, como colofón, dar espectáculo barato. As consecuencias padecémolas e están á vista nesta cidade. 

Dende hai un tempo, a política en case todas tas administracións e foros onde se fala está a sufrir un deterioro e unha baixada de nivel que arrepía. Xa non falo da indecencia que é empregar a pandemia como arma para debilitar ó Goberno, non; pero onde faría falla unidade e deixar a leas partidarias aparcadas, trabállase para airear as miserias da política. Ben sei que hai grupos no Congreso que non saben vivir sen estar no poder. Que pensan que o poder lles pertence e, cando o perden, rachan a baralla. Ben sei que actúan como verdadeiros kamikazes e fan algo semellante ó que pasou nesta cidade no mandato anterior.

Esa maneira de actuar soamente trae o desprestixio para unha institución e radicaliza á xente. Ah!, e no tocante a eses deputados e deputadas que se prestan a facer eses papeis de enzurradores con moito teatro, sinto verdadeira pena por eles. No fondo, son xente servil, gregarios que saben que se se moven non saen an foto. Polo tanto, non son servidores dos cidadáns, son vividores da política que están moi lonxe dos problemas da xente e non valen para outra cousa que non sexa ladrar.

Te puede interesar