Opinión

Ideoloxía e realidade social

O expresidente Artur Mas dixo, hai uns días, que o exceso de ideoloxía non permite as veces ver a realidade social que se quere gobernar. O que é tanto como aceptar que ese exceso ideolóxico é un erro que arrédate os gobernantes da realidade e dos problemas diarios da xente. Tal afirmación, visto o contexto e a situación actual de Catalunya, semella máis unha rectificación dos postulados iniciais do proceso unilateral soberanista que unha frase con fondo teórico-filosófico. Por eso, tal afirmación lévame ó seguinte comentario.

Os partidos políticos están formados en base a unha maneira de ver e entender a sociedade. Unha forma de concebir a relación dos humanos nun determinado lugar e momento. E, en base a esa filosofía e incluso ética, fanse unhas propostas e reivindicacións políticas e económicas que se tentarán pór en marcha ó chegar ó poder.

Pero as sociedades, alomenos as occidentais, son moi diversas tanto no plano ideolóxico como no económico e tamén no social. Teñen, polo tanto, os seus moradores, intereses moitas veces contrapostos. Esta realidade, ás veces, choca frontalmente coas propostas políticas dos grupos que se presentan ás eleccións, sendo moi normal, para o común dos habitantes, non atopar unha formación que satisfaga plenamente todas as reivindicacións dos cidadáns. E será a partires desa premisa de insatisfacción de propostas cando empece a producirse o que se pode entender como a complexidade reivindicativa e electoral da sociedade na que vivimos. Cuestión que, pola cegueira partidaria, non se ve e impide chegar a acordos de mínimos alomenos naqueles temas de interese xeral compartidos socialmente. 

Por regra xeral, os militantes e afiliados dunha forza política teñen unha formación en primeiro lugar moi centrada na ideoloxía. Isto, que é unha cousa positiva, ten algúns aspectos negativos. Porque cando se ideoloxiza en exceso, o resultado pode levarnos a un arredamento da sociedade á que se quere servir. E dende ese momento empezarán os problemas sociais e a perda de confianza no que se predica.

Sen afondar máis no asunto, isto que comento pasa con maiormente nas forzas políticas chamadas de esquerda, onde a ideoloxía é un credo que so ve a solución dos problemas dende a óptica moi pechada do propio credo. E tal forma de ver o mundo leva ós que practican esta política ó camiño do arredismo social, a radicalización e a conformarse con ser uns meros denunciantes do mal que funcionan as cousas. Claro, sen aspirar a gobernar nunca.

Non sei como se resolverá o caso ó que se referiu Artur Mas, pero facendo un salto e situandome na nosa terra, percibo que o nacionalismo galego sofre ese mal dende hai moitos anos. Vive ancorado nunha ideoloxía e nun romanticismo copiado dos rexímenes caducos dos países do leste que, a día de hoxe, non o levan a ningures. Polo que segue a estar de costas á realidade complexa do que é a Galicia actual. O máis triste é que parece sentirse cómodo na postura de ser eternamente oposición. Claro, sen ser capaz de ser o eixo para artellar unha forza política moi ampla e aberta no ideolóxico que se plante como unha alternativa seria de goberno de San Caetano. 

En fin, creo que o señor Mas puxo o dedo na chaga o falar deste asunto, pois o exceso de ideoloxía non permite ver nin conectar coa realidade para arranxar os problemas que ten a sociedade. E iso pode levar ó fracaso calquera proxecto político por moi argumentado ideolóxicamente que estea.

Te puede interesar