Opinión

Idioma e autoestima

No pasado Día das Letras lembrei cando no 1976 os xornais galegos saían á rúa coas súas portadas no idioma de Rosalía. Reivindicábamos daquela que o galego se ensinara nas aulas. Agora, pasados tantos anos, matinei sobre o aumento do desapego e desleixo que actualmente hai cara á lingua nai. Logo, pensei que cuestións se fixeron mal para que os nosos fillos e mozos que vexan o galego máis como unha carga que como unha fiestra que abre portas para o mundo; fiestra que permite unha visión con amplitude de miras a diversidade cultural existente e ademais permite acceder con suma facilidade ó mundo do portugués e o brasileiro.

Onte celebramos outro 17 de maio, e máis alá da estéril controversia de se o persoeiro homenaxeado tiña un pasado cheo de contradicións ou non, percibín o aumento da frialdade cara o idioma e comprobei a gran desconexión existente entre a gran maioría social, especialmente a dos sectores mozos da sociedade que nada lles importou a data e menos as reivindicacións idiomáticas, quedando estas paras os sectores culturais, galeguistas e pouco máis. Percibín o desapego e lembrei o que unha deputada vasca hai un tempo apuntou: “En Galicia un dos principais problemas que existen actualmente é a falla de autoestima que os galegos teñen cara o propio”. Pode parecer raro que alguén de fora nos diga iso, pero entendo que non vai desatinada. Por iso, non sei se esa escasa valoración do propio será unha cuestión única para a perda de galego falantes, pero si que é algo moi importante.

Cando non se valora o propio, sen querermos estamos incorporando a clase do normal modelos que asimilamos, en detrimento dos nosos. E logo iso reflíctese na depreciación do herdado, coas consecuencia que diso se derivan. A primeira é un concepto de inferioridade; a segunda é crer que somos insuficientes incluso nas materias naturais e por iso vivimos grazas ás axudas externas dos demais, polo que somos unha terra subsidiada; a terceira é a copia de modelos alleos ós teus, isto deuse con moita frecuencia na arquitectura, onde o emigrante construíu un chalet con un modelo alpino, pois os modelos construtivos da súa terra non valían ren. E seguindo esta forma de ver a vida, chegamos ate a familia, onde os pais lle negan a fala os fillos, pois o galego xa o falarán cando sexan maiores. E se non o aprenden, non pasa nada. E, como colofón final, de todas esas cuestións nace a resignación e o agradecemento a quen nos dá unha esmola para seguir tirando, pois xa non reivindicamos, agora pedimos.

Debe quedar claro que son dos que penso que os rapaces deben aprender cantos máis idiomas mellor; tamén de que teñen que aprender o castelán e coñecelo ben, pero sen esquecer comunicarse no idioma da súa terra. Camiñamos cara a globalización cultural e idiomática e esta, a primeira vista, pode que teña algunhas vantaxes, pero traerá tamén moito desapego, despersonalización e non poucos problemas.

Non sei cales son as medidas que hai que tomar para frear o retroceso do galego. Pero do que estou plenamente convencido é de que a autoestima e valoración do propio son a base pola que ten que comezar a recuperación. Ela transmite unha forma de vida e de ver o mundo. Idiomas no mundo hai moitos, pero poño o exemplo do alemán, e pregunto: están os alemáns dispostos a deixar de falar o seu idioma aínda que iste teña un espazo xeográfico pequeno comparado co inglés? Non. Por iso sen esquecer que a lingua é patrimonio de todos e por riba das diferencias normativas, é necesario chegar a un acordo entre todos para frear a caída do galego. Se o Día das Letras hai que modificalo, fágase; se ten que desaparecer, pois tamén. O importante é parar o retroceso dun símbolo de identidade que leva dentro os valores positivos dunha sociedade como a nosa.

Te puede interesar