Opinión

IMOS CARA UN TEMPO NOVO?

Pode que non sexa máis ca un desexo, pero o certo é que despois de estarmos confinados tantos días, nesta semana encetamos un tempo novo. Si, unha etapa distinta na nosa andaina vital e, aínda que co medo no corpo, comezamos a ver o camiño un chisco máis despexado. Saímos á rúa, paseamos polas beiras dos nosos ríos e, sobor de todo, vemos a fermosura da primavera. Mais, somos sabedores de que o virus de marras sigue agazapado esperando a oportunidade de darnos a lata e amargarnos a vida. Con todo, neste tempo de confinamento, seguro que fixémonos moitas preguntas e a maioría non tiveron unha resposta. E como seres humanos racionais que somos, precisamos respostas para fuxir de tanta incerteza.

A primeira delas é se a economía está por enriba da saúde. Aínda que son termos que están moi relacionados, en países que son modelo de vida occidental, parece que os seus gobernantes optaron abertamente por antepor economía e despois saúde, cando sabemos que sen saúde non hai economía. A segunda é se a nosa forma de vida baseada no consumismo acrítico pode ter límites, sobor de todo, se pode estar de acordo co medio natural e non destruír a natureza. A desmesura e a ambición humana, ás veces non teñen límites con tal de amasar cartos e iso trae consecuencias que pagaremos todos. 

A terceira ten que darlle contestación o seguinte: pra que valen tantos gastos en armas e trebellos pra defensa dun país se cun virus mátase moita máis xente que con toda esa ristra de armas bélicas? A cuarta implica saber de onde saíu ise virus, pois parece que ninguén o sabe ou non o queren dicir. Foi acaso unha creación dun laboratorio ou foi de orixe animal? Saiu da natureza sen máis ou foi un castigo dos deuses? A quinta está referida a existencia do Estado e ó mantemento duns servizos públicos de calidade. Sen Estado e sen eses servizos públicos fortes como a sanidade, a pandemia sería moito máis mortal do que é. 

A sexta vai sobor das residencias de maiores. A vida laboral trouxo como algo normal aparcar os nosos maiores en residencias de vellos. E a pregunta está cantada. Serán as residencias de anciáns a mellor solución para coidar deles, ou estarán mellor nas casas cos seus ata os últimos días da súa vida? A sete, máis que unha pregunta é unha reflexión: entendo que é difícil trocar o modelo de vida, os hábitos e costumes que a cotío dende sempre practicamos. Mais estamos dispostos como sociedade a esixirlle a quen detenta o poder que introduzan cambios que vaian modelando a nosa forma de vivir, a sabendas que terán un custo económico que sempre repercutirá nos nosos petos?

Sei que hai moitas máis preguntas que queren unha resposta. Mais, tamén sei que se desta crise non sacamos algo positivo, algo que vaia no camiño de ter unha sociedade máis solidaria e que nos leve cara un modelo de vida sotible, pouco teremos aprendido. 

Entendo que despois do que choveu e das consecuencias que pagaremos todos, algo positivo é necesario. Por iso digo que, a partires deste memento, creo que encetamos un tempo novo no que teremos que modelar ou reprimir moitos comportamentos sociais que antes eran algo normal. Dado que, aínda que non o pareza, de agora en adiante todo será un chisco diferente. Os abrazos e os beixos quedarán un tanto esquecidos; as conversas con roce tamén pasarán a ser unha lembranza. Os espectáculos de masas traerán moita desconfianza. A vida en xeral fora do fogar será distinta. En fin, imos cara un tempo novo? Penso que si. Afrontémolo da mellor maneira posibel.

Te puede interesar