Opinión

Incertidume política

Cando se achega o día pra constituirense as corporacións locais, na cidade das Burgas os acordos para conformar unha maioría e nomear alcalde seguen na máis absoluta escuridade. As conversas que, segundo comentan, existen entre os distintos grupos, e nas que máis que falaren de programas, seica falan do reparto de poder, o que se entende como unha poxa de cromos, seica seguen a dúas bandas. Ti para eiquí e eu para alá e todos contentos. 

A situación no noso Concello nunca estivo tan chea de incertidume dende que chegou a democracia. Pero como parece que nada hai claro, teremos que esperar ó sábado e xa veremos se non hai sorpresas. O asunto, desta vez, ten certa enxundia ó engadirlle por adición a perda da maioría absoluta na Deputación provincial. O caso é que, se uns lanzan un ultimátum que máis parece un farol que outra cousa, e din que o actual presidente non pode seguir rexendo o ente provincial, outros, que foron o vergallo torturador no ente provincial e no concello, abren a porta a posibles acordos con tal de sentar na alcaldía o seu candidato. 

Mais, como todos son rumores e contos, penso que hai que apelar a aquelo de ter confianza. E nese punto é onde o asunto deixa moito que desexar. Pois nas organizacións políticas tamén funciona, como no asunto dos cartos, o principio de confianza e o de seriedade. Polo que parece que nos grupos, pra chegar acordos políticos de mandato electoral, ten que existir unha mínima confianza que axude a non andar guichando ás agochadas o que fai ou non fai o socio co que pactas. E nese punto da confianza, poucos se fían dalgunha forza política que é chave pra conformar maiorías.

Con todo o dito, parece que as cousas van mudar pouco. E, de non ser un milagre, teremos un alcalde en minoría obrigado a pactos para gobernar; ou un alcalde con maioría tutelado por parte dos que estiveron no desgoberno destes catro anos últimos. E na Deputación: máis do mesmo. 

En fin: o vindeiro sábado poranse as cartas boca enriba, e saberemos a que xoga Jácome e os seus; saberemos que fai Cidadáns e o BNG, aínda que o intuimos. E tamén sairán á luz os pactos se os houbera. Igualmente saberemos se no PP superaron a primeira espantada que deu o segundo da lista, poñendo pés en polvorosa e dicindo que fuxe “por dignidade”. Tamén saberemos se Jesús Vázquez segue laiándose e resiste, para logo dimitir e gañar un postiño de senador ou mandar nun chiringuito deses que ten a Xunta.

O certo é que na cidade das Burgas hai incertidume por ver se arranca o mandato e o Concello empeza a afrontar os graves problemas que ten esta Auria. Pois esta cidade leva sumida catro anos no desleixo e camiña sen futuro nin ilusión. Esperemos e vexamos.

Te puede interesar