Opinión

Incivismo na cidade

JOSÉ PAZ
photo_camera JOSÉ PAZ

Que os ourensáns temos moitas carencias como cidadáns respectuosos con todo o que é publico é unha evidencia. Se damos un paseo polo Casco Vello da cidade, ou por calquera lugar do noso concello, axiña caemos na conta de que o coidado do mobiliario, xardíns, edificios, sinais que son precisos para o bo funcionamento da cidade, amosan un abandono máis que evidente. As pintadas e garabatos nas portas, fachadas, sinais, farolas e bancos campan as súas anchas por todos os lugares. Todo aquelo que é público está sometido ó escarnio dos desaprensivos, que son moitos. Todo o que sirve para o lecer do público está minusvalorado e é obxectivo destes depredadores, incluso as fachadas e portas das vivendas particulares.

Ourense é a cidade onde a pintada ten plena liberdade para marcar e garabatear canto se poña por diante.

Algo semellante acontece coas árbores que ornamentan paseos e rúas. Cando algunha seca, non se repón, córtase polo pé. Se miramos para a Alameda do Concello e contamos as que hai secas, decatámonos que o desleixo é total. Igual acontece nos xogos para os máis cativos. Se imos ó xardín do Posío, vemos as palmeiras decotadas tamén. Nada se fai por repoñer estas ou outras especies no que foi o xardín botánico do Posío. E se vamos ós barrios da cidade acontece algo semellante. “Ourense termal”, di un anuncio, mais tamén dixo un humorista moi coñecido: pois claro que Ourense “ten moito mal” no seu corpo. Ten tanto mal que ate estamos normalizando o anormal e non nos dá vergoña de como está a cidade. Agora que chegan tantos visitantes no AVE, xustificamos que todo está camiño de repararse ou que é culpa das esixencias da Xunta. Mais os gobernantes nada fan e os cidadáns transiximos e non esiximos o mantemento do que xa estaba en bo uso e agora dá noxo velo.

Un cidadán onte dicíame que todos son iguais, referíndose ós gobernantes e ós partidos políticos do Concello. E eu digo con rotundidade que iguais non. Pois agora que nos gobernan os que viñan a chamarse os puros e castos independentes, as cousas foron moito a peor co que antes había. E de seguir así darannos o premio ó desleixo e o abandono de todo o que é público.

Hai daqueles que boamente picaron e lle deron creto a un predicador que, coa axuda dos seus socios, emporcou todo o concello e non só de pintadas, senon de lixo verbal.

Todos os grupos políticos teñen eivas e erros. Todos teñen algunha trastenda. Pero non todos son iguais, querido amigo. Porque se “todos son iguais”, predicas a desesperanza para que logo veña un ditador. Por iso, é importante gobernar pensando na xente e asumindo a tarefa de mellorar a vida dos cidadáns. E hai quen so está no poder para vivir del. E iso éche o que acontece neste momento.

A cidade de Ourense nestes últimos anos non é exemplo de nada. Mellor, somos un mal conto. Somos unha tristura no medio dunha provincia que esmorece dende hai moitos anos. O libro de Vicente Risco “O porco de pé” volve estar de moda. Recomendo a súa lectura. Porque a realidade do que acontece nel e moi semellante o que acontece no Concello das Burgas.

Ás veces penso ate onde pode chegar a paciencia dos ourensáns, e lembro o acontecido en Allariz, onde o pobo pechouse na casa dos veciños ate que marchou o alcalde que alí estaba. E foilles ben, pois hoxe son un bo exemplo a seguir. En fin, Sexamos respectuosos e esixamos o mantemento de todo o que son servizos e mobiliario público. Iranos mellor como cidadáns e esqueceremos a mala imaxe que a día de hoxe ten a cidade.

Te puede interesar