Opinión

José Antonio Rivera Pereira "Xeixalvo"

A Directiva da Asociación Cultural Agromadas acordou no ano 2009 crear o premio “Freire Carril” para distinguir ás entidades e persoas que en Galicia desenvolven labores a favor da comunidade social, e que abranguen aspectos referidos á participación na vida comunitaria, defensa dos principios da democracia, espallamento da cultura en xeral e en especial da galega. O labor que realizan estas entidades e persoas, sempre de maneira altruísta, na colaboración coas asociacións na defensa do interese público; na dinamización e espallamento da cultura en xeral e do deporte, etc., son a base social dun país que quere superarse en tódolos ámbitos da vida.

E, tomando como base e referencia a Festa dos Foros, festa que nos lembra a loita dos veciños da antiga Vila e Couto de Seixalbo contra o Bispado e o Cabido da Catedral de Ourense para rematar coa inxustiza da carga foral que obrigaba a pagar 500 moios de viño anuais ás autoridades eclesiásticas, Agromadas puxo en marcha o premio que leva o nome de Fernando Freire Carril, líder da loita antiforal, e dende o 2009 esta distinción vense entregando anualmente a persoas e entidades valoradas polo xurado. Iste ano o galardoado é unha persoa que naceu e viviu a sua infancia e parte da mocidade en Seixalbo, e que dende a súa labor empresarial foi un gran colaborador e levou o nome do lugar como bandeira e recoñecemento de apego á terra que o viu nacer.

José Antonio nace no 1944, críase cos seus abós maternos, o que fai que a impronta do seu pobo o acompañe durante toda a súa traxectoria vital. De moi novo, con 22 anos, principios dos anos sesenta do século pasado, crea xunto con outros familiares, a empresa Pretensados Xeixalvo, xerando así os inicios do que logo se convirtiu na importante Zona Industrial de Seixalbo, onde se crearon, tempo despois, importantes empresas que deron traballo a moitas persoas, poñendo de manifesto co nome da empresa a súa intención de que Xeixalvo, o seu pobo, viaxara pegado sempre ós seus produtos. (Neste senso compre lembrar que nos anos sesenta do século pasado o franquismo menospreza e marxina o idioma galego, Polo que cabe lembrar que o nome oficial era Sejalvo e que falar galego era algo propio de paletos.) 

En 1972, esta empresa convértese en “Xeixalvo elementos para la construcción”, e pasa a ser totalmente da súa propiedade, sendo el administrador único da mesma.     Máis tarde crea tamén Postes Xeixalvo, sempre mantendo o nome orixinal. 

Durante a súa traxectoria empresarial sempre se distinguiu este seixalbés pola súa predisposición a darlle traballo nas súas empresas a persoas do lugar, contando nalgún momento cunha boa cantidade de obreiros desta pequena vila ourensán.

Tamén colaborou sempre con todas as asociacións do pobo e en todos os eventos que se celebraban no mesmo (festas, semanas culturais, eventos deportivos, etc.). As portas da súa empresa sempre estiveron abertas para todas as comisións de veciños que foron a pedir unha axuda. Jose Antonio sempre manifestou unha grande admiración polo lugar de nacemento e polo seu abó José Pereira Rodríguez, o cal foi alcalde de Seixalbo e no 1916 foi elexido alcalde de Ourense. 

Agromadas, recollendo o sentir de moitas persoas, entende que Seixalbo ten unha débeda cos veciños que no seu día serviron ó común e que foron e son referentes nas diferentes facetas da súa vida colectiva, pois esta xente engrandece ós pobos e anima a que outros sigan a súa estela.

Te puede interesar