Opinión

Mes cultural de Seixalbo

JOSÉ PAZ
photo_camera JOSÉ PAZ

Todo comenzou cunhas cartulinas e cun rotulador no ano de 1987 baixo o nome de Semana Cultural. E dende aquela data segue camiñando, agora co nome de Mes. Mais as lembranzas seguen vivas e tamén o nome dos que puxeron en marcha esta iniciativa. O certo é que dende aquela data pasaron por Seixalbo persoas que viñeron falarnos de moitas actividades, avances técnicos e historias que axudaron a poñernos ó día en moitas facetas da vida.

Por citar algúns temas que se trataron sinalarei a ecoloxistas e naturistas como Pablo Oitabén; políticos como Anxo Quintana; xogadores de fútbol como Vicente, do Celta de Vigo; persoas da cultura como Fariña Busto e Elixio Rivas, e podería seguir enumerando a moitos máis. Lembro que, por esas datas, xa houbo unha conferencia falando de internet e das autoestradas da información, cando nada diso existía.

O certo é que a Semana Cultural foise asentando entre a veciñanza e remataba sempre cunha cea popular na que estaban convidadas as autoridades políticas do Concello. Os anos foron pasando, e a cita que viña cubrir o espazo da festa do padroeiro, San Breixo, non perdeu chance, e a directiva actual decidiu ampliala a Mes Cultural, pois a semana quedaba moi comprimida e resultaba pequena. A día de hoxe é unha cita que, na que foi Vila e Couto de Seixalbo, xa é de obrigado cumprimento.

Este ano houbo moitas actividades para todas as idades. Destacarei as dúas obras de teatro no Auditorio aberto de Penouzos, onde moito público desfrutou e sensibilizouse con temas e problemas da actualidade. A primeira reflexionou sobor da emigración e a segunda do valor da natureza e a súa defensa fronte ó fenómeno da avaricia económica. Tamén houbo unha xornada intercultural e unha xornada para os maiores. Cabe subliñar, aínda que ó marxe da institución municipal, as visitas guiadas e teatralizadas que houbo, que foron seguidas por moitos visitantes que descoñecían este núcleo de orixe medieval, co que o nome deste lugar comenza a ser un punto atractivo para moitos visitantes da cidade e de fóra. E todo ó marxe do Concello.

Nin que dicir que ás actividades que se fan en Seixalbo súmanse moitos veciños do seu arredor, que xa ven o lugar como un referente cultural e de unidade veciñal no que, a pesares de existir varias asociacións, a maneira de entenderse e colaborar entre estas pequenas pero moi activas institucións é un modelo a seguir. En Seixalbo os intereses colectivos están por riba dos partidarios ou particulares.

E aínda que poida parecer algo esaxerado, este pobo que ten raigame desde o ano 800 da nosa era, que é a data cando foi donado ó Bispado como Vila e Couto para que nel exercera os foros que foron eliminados en 1859, ten características de seu. E a día de hoxe, as asociacións que nel traballan (veciñal, deportiva e cultural), mantéñense de seu con un alto número de socios que son os que as enchen de vida.

Pois ben, rematado o Mes Cultural cun fermoso concerto na igrexa de San Breixo, só cabe felicitar á Asociación Veciñal é especialmente a súa directiva por seguiren co que xa é unha tradición nesta pequena vila do Concello de Ourense.

Te puede interesar