Opinión

Na moderación estivo a chave

Se houbera que definir a clave do éxito electoral tanto de Feijoo como de Ana Pontón, entendo que teríamos que resumila nunha frase: fuxir da estridencia, do berro desesperado e achegarse á moderación nas mensaxes. Ben sei que son dúas propostas partidarias moi diferentes, dado que semellan o día e a noite e chocan como auga e aceite. Mais sendo así, Feijóo fuxiu da verborrea incendiaria do PP estatal e, aínda que sen presentar algo do que poidera sacar peito e limitándose a apelar ó sentimento de galeguidade e á desfeita que habería se el non gobernaba, revalidou unha nova maioría. E van catro. 

Ana Pontón, pola contra, fuxiu de falar de soberanismo, de arredismo e incidiu moito en amosar os problemas endémicos como o da emigración da mocidade e outros semellantes. Deste xeito, levou ó BNG a uns resultados nunca antes acadados. Faloulle a xente sen porse na postura académica e superior como o facía Beiras. E tivo un éxito moi importante pois lánzaa como líder indiscutibel do Bloque. 

O certo é que o panorama político galego mudou de forma moi significativa. As chamadas Mareas desapareceron do mapa; o PSOE mantivo o tipo, e tanto Cidadáns como a ultradereita quedaron fora do reparto, tema que é moi importante pois no fondo os dous grupos son contrarios ás autonomías. Pois ben, todo isto ben a amosar varias cuestións: a primeira é que as loitas e divisións partidarias sempre son penalizas duramente polos cidadáns; a segunda, que, na nosa sociedade, o radicalismo ten moi pouco espazo político e os galegos sempre son cautos á hora de dar pasos sen ver o futuro con certa seguridade. 

Agora, Feijoo gobernará sen problemas e non creo que haxa cambios importantes na súa maneira de xestionar. Todo seguirá máis ou menos igual, recortes e privatizacións e nada de mellorar o autogoberno. Pola contra, á oposición, e sobor de todo ó BNG, terá que decatarse de que moitos dos votos que tivo son de persoas que, querendo un cambio, optan por un pais tranquilo e sen estridencias nin veleidades independentistas. Ou sexa: aceptan ampliar competencias si; acadar obxectivos e metas concretas, tamén, mais estas teñen que ser cousas tanxibles e prácticas. Ou sexa: cousas que sexan útiles para os cidadáns. Falar de utopías como a autodeterminación e referendums, non entran nese sector da nosa sociedade. E desde ise punto de vista, se o nacionalismo do Bloque quere superar a barreira dos 19 deputados e converterse nunha alternativa real ó PP, moito terá que mudar, moito terá que facer para atraer as súas filas a máis cidadáns que o miran con moitas reticencias.

Non nos enganemos, en Galicia acontece, e non é a primeira vez que pasa, que o trasvase de votos dáse entre as chamadas forzas progresistas, sen que ó graneiro do PP ceda electorado. E se iso non se ten en conta é que pouco se entende a esta sociedade. Por iso, ás veces hai ser moi pragmáticos e arredar moitas utopías e cuestións ideolóxicas que non son máis ca soños sen consistencia real. 

Se o nacionalismo quere rachar con esa tendencia de trasvase electoral ten que mudar e pasar a ser práctico e moi operativo. Un nacionalismo que fuxa de radicalismos inútiles e testimoniais que nada aportan e pórse á altura da xente. En fin, a moderación e o sentido practico foron a chave nesta campaña electoral. E os resultados están á vista.

Te puede interesar