Opinión

Mudar de imaxe

Feijoo, o presidente da Xunta, decidiu mudar a imaxe do seu Goberno. E fíxoo de súpeto, un domingo, cando menos se esperaba. Destituiu a conselleira de Sanidade, todo un éxito, e aumentou as consellerías, rachando coa promesa que fixera cando chegou á San Caetano. Daquela o obxectivo era aforrar custos e reducir cargos, cuestión que non se cumpliu en ningún momento. Algo debeu soar mal no ouvido do presidente que con todos este movementos tenta modificar a faciana dun goberno parasitado, sen ideas, que nin está presente nin se lle espera. A imaxe, polo menos nos primeiros días, causa sensación de que algo mellor pode vir. Pero iste cambio, aínda que falla por escoitar os nomeados, soamente é mimético e de imaxe.

Agora, cando van máis de seis anos da era feijoniana, e cando todo camiña sen rumbo nin cousas novidosas que contar, pódese afirmar, con suma rotundidade, que a época deste xestor, pois outra cousa non fixo máis que xestionar os recados de Madrid, nada ten para presentar cando chegue a hora do balance final de mandato. Nada positivo, agás que cumpliu escrupulosamente o que lle ditaban dende Xénova. E para iso, fagamos un relatorio de asuntos e problemas que seguen igual ou peor que cando chegou ó goberno, aireando un conflito lingüístico inexistente, ou falando das cadeiras e os coches do presidente Touriño, das expropiacións do banco de terras, etc. Ben sei que a memoria dos cidadáns é sumamente fráxil e soamente vive no presente diario. Pero con todo, moitos galegos preguntaranse se melloraron os índices de paro que deixara o bipartito; preguntaranse que foi do concurso eólico con fallo da sentencia en contra e os gastos que dela se derivaran para as arcas públicas; que se fixo na política do medio rural onde a desertización humana avanza inexorablemente; que política se fixo cos incendios que seguen campando ano tras ano; que pasou no ensino onde se primou ós centros privados en detrimento dos públicos; que aconteceu coa sanidade e as listas de espera; que pasou coa construción naval, coas caixas de aforros e aquela fusión das caixas que Feijoo aplaudía como un neno cando lle dan un xoguete; que pasou coas administracións públicas desmanteladas e case sen funcións; que pasa cos nosos mozos e mozas que seguen buscándose a vida fora da terra.

En fin, son tantas as cousas das que se pode falar e que esperan solución que presumo que o noso presidente nada sólido pode presentar ó final dos oito anos mandando na Xunta. Por iso, para dar a imaxe de que algo se fai, bota man do cambio de caras, pero as políticas serán as mesmas. O importante sempre foi o fondo, e iso non vai trocar. O cambio levará un estigma que o define: que todo troque para que todo siga igual. Ou sexa: mais do mesmo, pero é necesario facer un lavado de cara. Vivimos nunha sociedade onde a imaxe vale moito. Pero non nos esquezamos nunca do fondo, a non ser que esteamos choscos e xordos. Pois a partitura é a mesma e aínda que agora se queira ornamentar con outros músicos máis novos, o que manda e dirixe é o mesmo.

Te puede interesar