Opinión

Música de calidade en Xunqueira

Dende hai un tempo confírmase que a vida cultural e artística está desprazándose dende a cidade das Burgas, que era o centro onde viñan parar case todas as iniciativas, cara vilas moi concretas desta provincia. Polo que, guste ou non, Ourense cidade e o resto da provincia, culturalmente falando, esmorece no gris escuro do solpor, onde o tempo pasa con máis pena que gloria.

E nese afán de manter certa actividade musical e artística, hai dúas ou tres vilas que camiñan case en parello. A primeira é Xunqueira de Ambía, onde o ciclo de música arredor do seu órgano, xunto con outras actividades tamén musicais mantéñense vivas no tempo; logo síguelle o veciño concello de Allariz e, a distancia, Celanova. En Xunqueira a música fixo un oco para que moitos ourensás podamos escoitar o que na cidade alguén truncou de súpeto: música de calidade con certa frecuencia. E en Allariz, por iniciativa da Fundación Vicente Risco e os convenios con entidades portuguesas, a música empeza a ter un espazo e un nivel que dá certa envexa.

Pois ben, o sábado pasado celebrouse na Colexiata de Ambía un extraordinario concerto protagonizado por Ars Combinatoria, grupo que dirixe o galego Canco López. Nel interpretáronse “As catro estacións”, de Antonio Vivaldi. Foi realmente un concerto sensacional que tivo dous apartados moi interesantes. O primeiro, a presentación de cada concerto recitando o poema que serviu de inspiración o autor para crealo, pero engadíndolle a sonorización de pasaxes que resaltaban aspectos que pretendía imitar a música programática ou descriptiva que compuxo este italiano universal. Así soubemos como era o canto dos paxaros, unha treboada ou o solpor dun pesado día de verán. A continuación, despois de cada poema recitado e musicado, interpretouse cada un dos catro concertos divididos en tres movementos, onde a solista Elsa Ferrer tivo un papel destacado, pois amosou o seu virtuosismo apoiado pola orquestra e en partes so polo primeiro chelista, Carlos G. Amigo. 

Foi este un concerto que, no seu conxunto, deixa pegada e unha sensación de satisfacción para os amantes da música, pois cumpriu dous obxectivos: o primeiro, de ser didáctico, e o segundo, de ser fermoso e extraordinario. O público, que ateigaba a Colexiata, así o refrendou con sinxelos e longos aplausos. 

A cultura, e dentro dela a música, cando ten calidade racha fronteiras, abre camiños que engrandecen ó ser humano. As actividades musicais que se celebran en Xunqueira e noutros concellos e mesmo en lugares que non son concello, son unha mostra para ter moi en conta. Con todo, a día de hoxe corren malos tempos para a cultura en xeral e a música en particular. Resulta chocante que moitos ourensás teñamos que ir ás vilas a buscar o que na nosa cidade carece de apoio institucional por parte do Concello. Desfacer o feito sempre foi moi sinxelo. E hoxe goberna na cidade quen desfixo coa sua vehemencia e ataques parte da cultura musical ourensá. Crear e facer algo positivo é tremendamente complexo e difícil.

Noraboa para Ars Combinatoria, como conxunto. Tamén para os solistas e o director. Noraboa para os organizadores e patrocinadores. E para as autoridades locais de Ourense cidade, unha petición: tomen nota do que se fai nestes pequenos concellos e troquen a visión cutre que teñen sobre a cultura e os seus custes.

Te puede interesar