Opinión

Navegando polo Miño

Que a cidade de Ourense viviu moitos anos de costa aos ríos é unha realidade evidente. Como exemplo, lembro a proposta tapar o río Barbaña cunha placa de formigón e convertelo nunha cloaca. E no referido ó pai Miño, non hai máis que ver as casas da rúa Ribeira de Canedo, onde todas teñen a traseira cara ó río e a dianteira cara unha rúa estreita e escura.

Por iso, a nova que hai uns días saíu á luz e que fala que no río se poda navegar en tramos é interesante. Anos atrás era unha chanza que aparecía nas coplas do Entroido, tamén dos Maios e tamén como pegota no Día dos Inocentes. Sempre se falaba do asunto sabedores que era un conto que nunca sería realidade. Máis agora, polo menos, aparece publicada con certa posibilidade de poder ser efectiva nalgún momento.

Como a maioría dos ourensáns, son consciente de que na totalidade do río será un soño, pois as condicións desta canle natural fano inviable. Con todo, si é certo que hai importantes tramos que se prestan pra desfrutar deles e empregalos para o turismo e o lecer dos ourensáns. Tamén é verdade que non hai moito tempo un grupo político lanzou a idea e o asunto pasou con máis pena que gloria. Pois todo o mundo pensou que era unha farolada. Agora que parece que o asunto pode ir en serio, venme á mente unha pequena excursión de Agromadas a Castrelo de Miño, na que despois do pulpo á feira e de visitar unha adega deste concello, fixemos un bo paseo no pequeno catamarán que alí teñen. E podo afirmar que a visión do río é totalmente diferente do que un pode maxinar estando nas beiras ou ollándoo dende a estrada ou a autovía.

O contacto coa natureza e a visibilidade das súas ribeiras é un bo acicate para tentar poñer en marcha a idea ata preto das pozas de Outariz, ou río arriba dende a Batundeira.

Moitas veces, neste Ourense non valoramos o que temos e polo tanto non lle podemos quitar rendibilidade. Ourense non ten mar, mais si se contara coa colaboración das Administracións sería posible non só ter tramos de río para navegar, senon ter uns espigóns de protección e crear unha praia artificial no Miño para desfrute da xente desta Auria.

Ourense viviu moitos anos de costa aos ríos, non quixo valoralos e por eso nin siquera o intentou. E así están as cousas, pois en moitos casos a limpeza das marxes e o acceso libre para camiñar por elas a día de hoxe é imposible. Esto xa se fixo nalgúns concellos da provincia, mais en Ourense cidade aínda é unha meta a acadar. Soamente no caso do Barbaña hai un tramo dende o Polvorín ata Mariñamansa. Mais aínda quedan sen rematar cachos entre a Praza de Abastos e o Polvorín ou entre o Parque Barbaña e a Ponte de Ervedelo. Por eso afirmo que moitos dos nosos gobernantes, e sobor de todo os que hoxe temos no mando no Concello, non cren nas potencialidades do termalismo nin na mellora e valoración dos noso ríos, e camiñan pola vida gastando os cartos públicos en alimentar o seu ego como se iso fora unha solución de futuro.

Como moitos ourensáns, espero que no Miño podamos desfrutar de tramos de lecer. Agora toca esperar e ver se o anunciado é realidade ou non.

Te puede interesar