Opinión

Si ou non, branco ou negro

Dende que as redes sociais tomaron corpo e uso na nosa vida, asistimos a unha simplificación e banalización da linguaxe que xa estaba na política, pero que agora aínda tomou máis espazo. Pretender condensar nunha mensaxe un todo incita á unha polarización e radicalización da sociedade. Preténdese con esa simplificación fuxir do que se entende como un racionalismo baseado no contraste de ideas e proxectos e tamén da rendición de contas do feito nesa institución onde se goberna. 

O que comezou como se fose un xogo, marcando o gústame nas redes, sitúa á xente nunha posición ou na contraria. Ou es branco ou negro. Ou pertences os azuis ou aos roxos. Ou ti es dos meus ou estás contra min. Ou ti es o meu amigo ou o meu adversario e inimigo para os máis radicais. 

A excesiva insistencia nesas simples mensaxes ven sendo un engano, pois agocha evitar falar do fondo das cuestións e a orixe dos problemas sociais do momento. Mellor, trata de fuxir das cuestións das que non se quere falar. Na campaña para as eleccións do vindeiro 4 de maio a señora Ayuso lanzou a mensaxe “Comunismo ou liberdade” como se neste Estado non houbera liberdade de prensa, liberdade de expresión ou pra crear unha empresa, etc. Falso dilema que, non fondo, ignora os problemas da vivenda, do paro e plantexa como receita un liberalismo sen control nen límites, un liberalismo económico que abra a porta pra que os poderosos fagan aínda máis o que lles pete. Hai que lembrar o lema desta teoría económica: todo fora do estado, que é o mesmo que todo sen control de ningún tipo. O obxectivo é deixar marxe libre pra que privaticen servizos ou fagan negocios as inmobiliarias que mercan as vivendas públicas, facer cartos coa especulación. Falsa idea de como entender a liberdade. Falsa idea apoiada en cuestións que en nada teñen que ver coa realidade social do momento.

O radicalismo incitado por determinados grupos políticos en nada axudan á solucionar os problemas de fondo que temos como sociedade, impiden acadar grandes consensos neses temas comúns que si o precisan. A visión de que Madrid é España e o demais somos periferia é outra idea que dende esa dereita se pretende impor. Ou sexa: que por un lado temos que a dereita nas vindeiras eleccións á comunidade madrileña quere centrar o debate no falso dilema de “comunismo ou liberdade” e que a capital do reino é España, e os demais somos periferia que mendiga, terras subvencionadas pola metrópole.

En fin, aviados imos se a grande maioría dos votantes pican nese falso dilema. Pois despois o problema deste país só será o chamado “pin parental” e asuntos relacionados coa emigración e o racismo. Ollo, todo é posibel, pois na nosa cidade tamén picaron milleiros de cidadáns escoitando a un predicador que resultou ser un fiasco. E o peor é que agora todos temos que aturar os seus arrebatos e mal goberno. Por iso, agochar os debates e non render contas do que se fai cando se goberna, tentando tapalo con frases simples e antagónicas “como branco ou negro” ou “si ou non” soamente nos levan ó radicalismo e ó fracaso colectivo como sociedade. Abramos os ollos e camiñemos atentos.

Te puede interesar