Opinión

Non somos idiotas

Na cidade de Ourense, nin nos meses de verán paran as novas do que acontece no Concello. E diante o esperpento permanente onde catro señores encabezados por Jácome desgobernan e escarallan todo o que tocan, os políticos do PP responsables desta desfeita andan a practicar a estratexia do despiste para ver quen apanda coa culpa do que pasa na terceira cidade galega. 

Na primeira crise, cando deixaron so a este insigne alcalde e se foron do goberno, estiveron a marear a perdiz para impedir que a moción de censura levara á cadeira de mando o gañador das eleccións. Que se Villarino tiña que renunciar a ser alcalde, que si tiña que dimitir de concelleiro e así desculpas e escusas de mal pagador. Logo, os populares, argumentando que o facían polo ben de Ourense, volveron mansiños o goberno do Concello. As malas linguas falan que foi polo peculio. Agora, despois de seren cesados polo dedo do ínclito persoeiro, volven co conto da moción de censura. E aínda que o voceiro do PSOE diga lle parece que van en serio, milleiros de ourensás temos pouca fe nese asunto. Se o mandamais do Pazo Provincial di que Jácome é o mellor alcalde que hoxe temos, pouco se pode esperar do que faga o recén presidente local señor Cabezas. Ben sei que Baltar tamén dixo que o grupo municipal ten autonomía para decidir sobor do tema, mais os antecedentes non son nada bos.

Nos mentideiros políticos soamente se escoita unha verba, pero quen manda e o do Pazo e sen o seu consentimento non se move unha palla. Nesas andamos en Ourense. O malo será aturar o que resta de mandato a un Jácome co seu trío de colegas. Teremos que seguir visualizando un vodevil esperpéntico onde as bravuconadas e faroladas se escoitan dia si e día tamén, mentres vemos como todo se deteriora e non hai remedio para frear e sanar o mal que padecemos como cidade.

Como tantos ourensáns, pregunto: os cidadáns merecemos esta situación onde ningún problema serio se aborda dende o goberno municipal? Que fixemos mal para ter que aturar semellante situación?

Todos temos dereito ó cabreo e a protesta, mais cando votemos, tamén temos o deber de reflexionar e non deixarnos enganar por charlatáns embaucadores que logo pagámolo uns e outros moi caro. En fin, aínda que agora os populares queren deixar claro que eles non foron os da culpa da situación actual, aínda que se queiran desmarcar a toda presa, que pensen que a cidadanía non é idiota. Todos sabemos as razóns dese pacto que agora saltou polos aires e que nos levou a unha situación triste e vergoñenta onde catro gobernan unha corporación de vintesete. E onde o Concello como institución perdeu peso e Ourense pasou a ser o faime rir de Galicia e o Estado. Remato: cando parece que a estabilidade da Deputación está a gusto de Baltar, pois ten asegurada a maioría sen contar cos de DO, cal é o motivo polo que non se fai esa moción e se cambia de alcalde? 

Sabido é que os ourensáns non somos idiotas, aínda que as cousas do goberno local sigan nunha situación caótica, polo que tomemos nota para o futuro.

Te puede interesar