Opinión

O grao e a palla

Cando un non distingue o que está ben feito do que está mal, ou do que pode ou non resistir un exame ou unha crítica, e pensa que o importante é que se fale do asunto en cuestión, algo funciona mal. Pois ben, cando iso acontece é que temos un serio problema de apreciación e de entendemento; mellor, temos unha falla de sensibilidade e de criterio para discernir unha cousa que merece atención doutra que non gusta. Claro que tamén pode acontecer que mesmo nos atopemos diante unha persoa que, polo mero feito de notoriedade, di unha cousa e a contraria sen ruborizarse. Ou sexa: todo lle vale con tal de ser noticia e seguir no candeleiro.

Hai uns días escoitei falar á primeira autoridade local sobor do belén do pasado Nadal que estivo na Alameda, o cal, asi como quen non quere a cousa, custou máis de 18.000 euros. Afirmaba que este belén tivo un éxito de visitas e que o importante é que falen do tema. Quen iso dicía, vendía o asunto como unha iniciativa a salientar; e vendíao como un éxito. Aínda que foi moita xente a ver o mentado nacemento, non pola gracia e o ben posto que estaba, se non polo feo e pouco acaído que era. Días antes, o concelleiro do ramo dixo que el retiraríao, pois non debía gustarlle moito. Pero saíu César do grupo e o mentado nacemento alí estivo todo o Nadal.

Mais este comentario, sen querer entrar nas distintas opinións que poidamos ter sobre a desafortunada representación do Nadal, lévame a certas consideracións. A primeira é que si importa que falen ben daquelo que se fai, sobor de todo con cartos públicos. Falar mal dun traballo, ademais de ridiculizar o tema, é perder prestíxio por ser motivo de mofa, o que desacredita á institución responsabel que perde valor e é motivo pra rirse dos ourensáns e das autoridades que nos gobernan. A segunda cuestión ben sendo un claro indicativo de que no Concello goberna quen non ten personalidade nen criterio. Ou sexa, non distingue o que vale pra algo e o que soamente vale pra facer o ridículo. A terceira: amosa unha ansia de notoriedade e iso indica que o responsabel soamente se anda a buscar a propia autoestima. Por iso, di que o importante é que falen, sen importar o contido do que digan. E a última é que, quen así fala, carece de principios éticos e esta disposto a dicir unha cousa hoxe e mañá a contraria, pois o importante é acadar o obxectivo de estar nos medios sempre. E as contradicións son feitos sen importancia.

Mal imos cando nos goberna quen, polo mero feito de chegar a ter notoriedade, pisa principios e entra en continuas contradicións sen facer a mínima autocrítica. Estou seguro de que, nesta vella Auria teremos chocalleiradas continuas no que resta de mandato. Pois cando unha autoridade non distingue entre o grao e a palla, e soamente mira cara si mesmo, o asunto ten moita máis fondura. Pois seguro que nos atopamos diante quen sofre a patoloxía de precisar o poder para sobresaír, quedando o asunto de gobernar pra cidadanía e da eficiencia esvaecido ou totalmente esquecido polas contrariedades e perda de principios que foron a crítica noutrora contra ós seus adversarios políticos. 

Un refrán moi galego di que nunca choveu que non escampara. Pois nada: esperemos que cambie o tempo e escampe que boa falla fai.

Te puede interesar