Opinión

Os dogmas na política

Cada cousa no seu sitio, dicíame un vello amigo. Outro comentaba que mesturar as cuestións divinas cos asuntos humanos é unha verdadeira tolemia, pois desa mezcolanza soamente sae a intransixencia e o sectarismo. E como exemplo do que non debe ser, é o que está a acontecer en Oriente Medio entre os israelíes e os palestinos. Uns ampáranse en mandatos divinos pra anexionar terras, e outros, sofrindo as calamidades da guerra. 

Algo diso esta a acontecer na política estatal, cando son continuas as verbas excluíntes para demonizar ós que entenden dunha maneira distinta o que é ser español. E pra elo, uns empregan medias verdades dicindo que somos a nación máis antiga de Europa, e que no haber temos máis de cincocentos anos de existencia, cando todos saben que na época dos reis chamados Católicos, o concepto de nación non existía e só o de reinos. No libro de Castelao “Sempre en Galiza”, o ilustre rianxeiro falaba dunha federación de pobos ibéricos, claro, incluíndo a Portugal. Supoño que se hoxe se defendera iso, tamén sería tratado como un insulto para moitos. 

O certo é que esa maneira de entender o que é ser español e poñelo fronte ós que primeiro nos consideramos galegos ou doutros lugares e despois españois é unha maneira de afirmar que non somos bos españois, pois non entramos na dinámica nin nos parámetros dos que se enchen a boca falando desa España que añora un imperio e un réxime centralista que non existe.

Mais, no fondo desta verborrea tan española e excluínte, que se agocha? Pois está o centralismo económico que, en moitos casos, impide o desenvolvemento diso que chaman a periferia. Un xornal hai uns días afirmaba que en Madrid teñen o domicilio fiscal moitas grandes empresas que operan nos distintos territorios do Estado, e por iso, esa comunidade recada un volume de cartos moi superior o que lle correspondería polo número de poboación que ten. Ou sexa: pra entendernos, as empresas operan en zonas distintas a Madrid pero teñen o domicilio fiscal e cotizan na capital do reino. Logo dinos que somos unha terra subsidiada. 

Triste discurso que emprega a dereita cando pretende monopolizar o concepto de España e so ve inimigos naqueles que reclaman unha organización territorial con máis competencias que distribúan a riqueza dunha maneira máis equitativa. E pra iso din que os nacionalismos da periferia son malos e excluíntes. E pregunto: e o nacionalismo español que é?

Os dogmas na política son malos de por si, pois funcionan como cuestións de fe que semellan dogmas relixiosos e polo tanto inmutabeis. E iso xa non é política. A dereita sempre tivo patente de corso para aprópiase do concepto de España. E os seus membros actúan como se só foran eles os donos do Estado. Deste xeito, calquera discrepancia resulta ser mala. E todo iso fanno sen dar ningunha alternativa aos problemas políticos e territoriais. De pena.

Te puede interesar