Opinión

Ourense: o longo sono da nada

Que en Ourense todo marcha ben xa ninguén o discute. Perdemos poboación, pechan comercios e non temos expectativas de futuro. Pero con todo iso, Ourense marcha moi ben, ou alomenos iso é o que se deduce do conformismo das entidades sociais, das forzas vivas e dunha grande maioría de cidadáns que co seu conformismo inzan todo o ambiente cun silencio que abafa.

Hai un días saíu a nova de que a que foi ex compañeira de corporación Marga Martín, despois de sete anos de espera, quedou liberada da acusación de irregularidades na súa xestión no Concello. Sete anos de maledicencias e sospeitas, pois xa se sabe: denuncia que algo queda. Esta foi a máxima de quen, cousas do destino, acadando os votos dunha parte dos electores e coa colaboración necesaria dos populares, hoxe está na alcaldía da cidade. 

As voltas que dá a política veñen a ser algo semellante as reviravoltas e contradicións que dá a vida tan axitada que levamos. O “quixote” que viña desfacer todas as cacicadas e corruptelas, optou anos atrás por xudicializar a política; e aquelo que non lle gustaba, sen probas contundentes, denunciabao no xulgado. E esas denuncias, xunto coas dun sindicalista enrevesado, e ás investigación da xuíza De Lara, remataron desfacendo un goberno e machacando e humillando a un alcalde. Cousas da vida, dirán algúns. Outros, cousas da política.

Mais como o caso de Marga quedan máis por resolver. Canto fume e acusacións valeiras de contido. Pero este fume fíxolle moito dano ás persoas e á cidade. A nosa Xustiza é lenta e camiña cunha parsimonia que arrepía. Sete anos ou máis de espera son moitos. Poe iso non creo nela, aínda que a acato.

Supoño que os ourensás lembrarán aquela imaxe que, tendo de fondo ó Concello, nunha televisión local insistentemente repetíase como se fose un mantra: “En esta casa te están robando...” Logo, o desfacedor xusticieiro de entortos falaba como se fora un xuíz e criticaba cunha dureza que furaba as conciencias dos ourensás facéndolle crer o que non era certo, e así chegamos a onde chegamos.

Que no noso Concello hai moitas cousas que arranxar, pois si. Que hai nesa casa de todo, tamén; pero que se rouba pouco menos que a mans cheas, non. Desfacer sempre foi máis sinxelo que facer. Desfíxose a Banda de Música mellor que tivo Ourense, e agora pode que aspiremos a ter unha charanga ó gusto do sr. alcalde. E así poderíamos seguir e seguir. Escarallar, esaxerar e socabar a integridade dos adversarios políticos para medrar e acadar un obxectivo electoral é algo inmoral e un tanto maquiavélico, mais funcionou.

E iso foi o que aconteceu nestes oito anos nos que unha verborrea vacua, populista e chocalleira convenceu a parte da cidadanía que picou no anzol e non soubo distinguir o grao da palla. Marga, como outros, quedou libre de sospeitas, pero o mal xa está feito. A sombra escura da dúbida sempre desfai o adversario político, e sempre hai que non queda conforme coa resolución do caso. 

En fin, sorpresas teremos moitas, titulares tamén, pero o Concello de Ourense e a provincia camiñan cara a nada, porque a sociedade viva está a dormir o longo sono do silencio; o longo sono da nada.

Te puede interesar