Opinión

Outra oportunidade perdida

Ás veces dá a sensación de que o nacionalismo e o galeguismo, despois de tantos anos de democracia, aínda non chegaron a idade adulta e, por iso, perden o tempo en leas dialécticas, iso si, deixándolle o campo aberto as forzas estatais, forzas que actúan sen teren rivais de peso que compitan pola maioría dos escanos desta comunidade. 

O éxito que as Mareas obtiveron nas pasadas xerais marcou un tempo que quizais non se volva repetir. As loitas habidas despois das eleccións, clarexaron un chisco máis o panorama, pois deixaron fora da contenda electoral a algún grupo que nunca tivo claro a que xogaba na política galega. Polo que agora, o BNG, En Marea e Compromiso por Galicia camiñan pola política da terra sen ataduras nin franquicias. E as opcións parecen máis claras. Mais esa oportunidade para marcar terreo e ter unha representación importante no Congreso dos Deputados pode irse ó garete pola arrogancia e curta visión das forzas que debían camiñar xuntas en coalición, alomenos nas eleccións xerais. A culpa seica non é de ningunha formación en concreto, pero é de todas. 

O chamamento que moita xente fixo para buscar un entendemento, perdeuse xustificando a decisión con escusas que falan pouco menos de pureza de sangue. Pero no fondo, son peros que soamente aspiran a manter a leiriña partidaria. Todas estas forzas din que que queren o mellor para Galicia, pero a súa arrogancia delátaas. Polo que dá a sensación de que so aspiran a seren iso: oposición. A día de hoxe, cando todas as comunidades teñen deputados de seu no Congreso, en Galicia córrese o risco de quedar fora sen representación. E logo viran os laios. 

Parece pois que camiñamos cara o 28-A carentes de optimismo, pois as divisións soamente traen fracasos electorais. As forzas políticas galegas cargadas de endogamias que soamente miran cara as súas filas partidarias, son realmente as culpabeis de que Galicia non teña unha representación ampla que supere a presenza testimonial nas Cortes do Estado. 

En fin, aveciñanse anos de espera, anos de incertidumes para os grandes problemas que ten esta terra. Que ninguén espere milagres. Mentres a personalidade galega dilúese na desesperanza e os asuntos máis graves de Galicia quedan postergados ou se enfocan dende unha visión errada, á realidade desta nacionalidade histórica recoñecida no texto constitucional é que as forzas galegas camiñan ollándose a si mesmas, sen mirar para o futuro. E así non se vai a ningures. O minifundio parcelario exportado ó minifundio electoral. As ideoloxías tomadas de modelos fracasados impuxéronse dende hai tempo nos grupos da terra e perdeuse o sentido do pragmatismo e do posibilismo na política. Agora o nacionalismo galego non aspira a outra cousa que non sexa ser sempre oposición e resistencia.

Con todo, poucas veces se plantexa unha división na dereita política a nivel de Estado tan clara como pra desperdiciala por ter curtidade de miras. Asi nos vai. En fin, outra gran oportunidade perdida.

Te puede interesar