Opinión

Paletos!

Moitas son as autoridades públicas que, por teren certa diarrea verbal, co paso do tempo son reféns do que noutro momento dixeron, prometeron e proclamaron ós catro ventos. Exemplos temos a esgalla incluso neste Ourense onde todo esmorece a pesares das cores e euforias dos días  de Entroido. Pero o máis grave do asunto é cando esa lixeireza  verbal di cousas que son un insulto. Pois a partires dese intre entramos nun camiño onde se perden as formas e iso deteriora a imaxe den quen o di, pero tamén deteriora e moito á institución acusada, pois  sementa  odio e xenreira entre os cidadáns. 

Supoño que moitos ourensás lembrarán cando dende unha TV local se dicía, enfocando a fachada do noso concello, que dentro del estábase a roubar ós cidadáns. A mensaxe era moi dura e pra moitos non era crible. Mais pra un sector importante de cidadáns foi  determinante pra teren unha opinión moi crítica do que se facía dentro desa casa. Con todo, as autoridades e os partidos representados nese momento, non souberon defender o bo nome do Concello como institución, e non demandaron a quen dicía tal tropelía. O demais, o  que aconteceu despois, xa o saben. E agora aguantámolo todos.

Pois ben, hai uns días, a presidenta da Comunidade de Madrid arremeteu contra os leoneses chamándolles “paletos”, pois  o seu descontento co goberno autonómico lévaos a reivindicar  converterse en  comunidade autónoma. Este insulto pode ser ampliado a todos os que reivindican as peculiaridades territoriais. Mais tal reivindicación ven de vello, pois cando se instituiron as comunidades autónomas co reparto de “café pra todos”,  xa os leoneses andaban nesta lea.

A chamada España baleirada ergue a voz e reclama ser atendida amosando a súa protesta de formas moi  distintas.  E, aínda que as causas deste fenómeno son moitas e variadas, a descentralización positiva  que emerxeu dende o proceso autonómico non acadou   frear e calmar as ansias de mellora dos cidadáns desas provincias que están máis lonxe da capitalidade autonómica. 

A pesares do dito  sei que os motivos da desertización humana son  máis  e abranguen a moitos factores. E que un deles radica na centralización económica de grandes empresas que rexistran a súa sede en comunidades como a de Madrid, e elixen este lugar por teren máis beneficios fiscais, aínda que a súa actividade sexa noutras comunidades e provincias do Estado. Logo, dende ise centralismo económico, dise que as outras provincias están subvencionadas e son moi dependentes das chamadas ricas. Isto acontece tamén na nosa terra, onde as grandes empresas que operan aquí, cotizan na capital do reino. Ise factor axuda a desertización humana que pesa sobor deste Estado  que envellece a pasos de xigante. Cos tempos que corren, supoño que máis cedo que tarde haberá que afrontar un debate sobor do   tema das empresas  que operan nun lugar e cotizan noutra comunidade ou provincia, pois iso tamén é un factor que anima a desertización humana, aínda que haxa políticos que non o queiran ver e que insulten a quen propón  outras alternativas.

 Ainda que a dos leoneses poida parecer unha petición desmesurada,  nunca  debe ser catalogada co insulto de “paletos”. Supoño que a presidenta que lanzou este insulto pensa que Madrid é o centro do mundo e que todo xira o seu arredor. En fin,  que os  cidadáns pidan ter mais servizos e capacidade de xestión pra que a súa terra non esmoreza é algo normal; e non é motivo pra lanzar un insulto.

Te puede interesar