Opinión

O Peri non pode impedir o progreso

A petición da Asociación San Breixo, despois de ter unha xuntanza urxente cos veciños, presentouse un escrito no Concello pedíndolle ó alcalde e os demais grupos políticos a retirada da orde do día do pleno do 3 de febreiro da aprobación do PERI de Seixalbo. O motivo foi que días antes alguén ordenou a paralización da colocación (amparándose non sabemos en que lexislación, pois o PERI hoxe non está aprobado) da instalación da fibra óptica no casco antigo deste núcleo baixo a esixencia de que esta tiña que ir baixo terra.

Esta determinación lembroume cando, a principio dos anos noventa do século pasado, a asociación de veciños empezou a reclamar a necesidade de realización do PERI que viña previsto no plan xeral de 1986. Daquela ninguén podía maxinar que esta reivindicación podía ser un freo para que as novas tecnoloxías serviran ós habitantes desta antiga Vila e Couto, pois todos víamos o PERI como algo positivo. Co paso dos anos, esta norma trouxo importantes limitacións arquitectónicas e obrigas á hora de rehabilitar as vivendas do lugar. Con todo, dende aquela, Seixalbo, no referido á estética externa, mellorou e percíbese como un lugar interesante, pero moi descoñecido, no concello. 

Mais, o asunto referido, que é á conexión para acceder ás novas tecnoloxías (Seixalbo a día de hoxe está moi mal servido, pois soamente hai un mega e pico no mellor dos casos para traballar na rede) lévame a facer unha serie de preguntas que necesitan unha resposta do responsable da concellería. A primeira sería: quen foi o responsable de parar a obra e en base a que lexislación? Se o PERI leva suspendido meses, por que se obriga ó enterramento das acometidas en Seixalbo e non se aplica noutras zonas rurais do concello e incluso no casco vello da cidade onde todas están á vista? Ademais do anterior, por que nas reunións que tivemos co alcalde e o responsable da concellería, cando informamos da paralización de colocar a fibra, non se nos dixo que o PERI ía a pleno este pasado venres? Acaso pretendían ocultar que a obriga de soterrar ía no paquete, e despois xa non tiñamos nada que dicir?
Son moitas as preguntas que esperan resposta. Con todo, o máis importante, á luz das declaracións nos medios do concelleiro Sr. Cudeiro, sería agradecer que, antes de seguir a falar da aprobación do PERI, lle comunicara á empresa responsable de colocar a fibra que rematara o traballo empezado. Logo poderase falar do que se pode reformar ou non no documento do PERI, e logo aprobalo. 

Con todo, despois do acontecido quítanse varias conclusións: a primeira é que o goberno municipal non se entera de como anda o patio neste asunto. A segunda é que o PERI de Seixalbo pouco lle interesa ó goberno municipal, cando o único núcleo destas características que existe en Ourense non se promociona nin nas guías, roteiros e folletos municipais, etc. Parece que a este lugar soamente se ven a esixir e pórlle pegas ó progreso.

Te puede interesar