Opinión

Populismo dilapidador

Dilapidar os cartos públicos para entreter á xente e non afrontar os graves problemas que ten o Concello, parece que é o obxectivo dos catro que mal gobernan no consistorio da Praza Maior. Que temos que gastar máis de 110.000 euros para non facer nada proveitoso, parece ser o programa previsto. Que temos que saltarnos a lei de contratos do Estado, encadeando asuntos menores coa mesma empresa, pois facémolo. Total a oposición non nos leva aos tribunais. Que hai que adiantar as festas da cidade un mes para que sexan antes das eleccións, feito. Mentres, a casa sen barrer e pagando os sobrecustos dos servizos, moi caros por estar en precario. Ou sexa: cartos que marchan polo desaugue sen proveito ningún. O importante é entreter ós ourensáns. Si, a esa xente pacífica que, presa dunha quietude e unha falla de perspectivas de futuro, camiña nun concello que vai a menos e nunha provincia que se conforma con ir fenecendo anos tras ano. E como diría un veciño meu moi retranqueiro: o importante para estes gobernantes é seguir munguindo a vaca... que ven a ser o mesmo que vivir a conta dela.

Agora, unha gran carpa ocupa a Praza Maior e ate parece que todos somos máis felices con pornos a careta e brincar simulando que parecemos uns campións e que, con sorte, ate podemos comer perdices. Ai deste Ourense!, noutrora con xente ilustre que falaba de cultura para ensinar a mellorar a vida, para saber e avanzar como seres humanos. Xente que predicaba e transmitía bonhomía, educación e saber estar. Cara onde camiñas Ourense? Por eso, cando na principal institución da cidade mesturan cultura con divertimento chocalleiro; divertimento que nada aporta á formación do ser humano, todos saímos perdendo. E todo isto seica se fai para contentar á cidadanía que camiña anestesiada vendo un circo e uns vídeos semellantes ó NODO que antano proxectábase ó comenzo das películas no cine.

A verdade é que o asunto ten tela e debera ser motivo de reflexión para as forzas chamadas “vivas” ourensáns. Forzas que viven caladas como se non tiveran azos pra pedir con firmeza que para a cidade das Burgas veña tal a cal titulación ou axencia estatal. A Xunta xa dixo a quen apoia... e Ourense volve quedar no esquecemento.

Mais todo isto que acontece na cidade, lémbrame cando se facía unha asemblea para discutir varios temas cruciais nunha asociación veciñal. O presidente poñía na orde do día, como primeiro punto, se no magosto para xantar se servía tal ou cal menú. Ou sexa: un gancho para entreter ós que alí estaban. E os parvos discutían con tanta insistencia que na asemblea non se trataban os temas importantes e todo quedaba como estaba ó comenzo. Isto é o que acontece hoxe no Concello da cuarta cidade de Galicia. Nel non se tratan temas salientables para a cidade, e hai moitos que son urxentes. E logo, os catro que mandan adícanse a poñer unhas cousiñas para que a xente pense que gobernan ben. Mais a casa está chea de merda e sen barrer.

Populismo barato, que sae moi caro, é o que hoxe hai. Un pouco de pan en forma de dádiva, touros e circo. Eso é o que se percibe dende fóra.

Agora gastamos máis de cen mil euros nunha carpa ate marzo do ano que ven. A iso hai que sumarlle 400.000 euros anuais por ter os autobuses urbanos en precario. Mais iso non importa, os cartos non son de quen goberna e por iso se dilapidan. De pena.

Te puede interesar