Opinión

Por imperativo legal

Un raposo trata de convencer a un galo dicíndolle que agora hai unhas leis que nos obrigan a levarnos ben uns cos outros. O galo, incrédulo, fuxe e súbese a unha pola dun castiñeiro buscando seguridade, pois non se fía do raposo. Mentres, o raposo insiste dicíndolle: “Baixa, baixa, pois non corres ningún perigo”. Mais o galo respóndelle: “Non baixo, que as leis van e veñen segundo a comenencia e ocasión de quen goberna”.

Nesta sociedade líquida, e polo tanto inestabel, o mundo da política ofrece un amplo abano de contrariedades que amosan os renuncios que determinadas forzas fan co único obxectivo de chegar a gobernar. Queda claro que acceder ó poder ten unha grande capacidade de modulación entre o que se dicía e o que logo se fai.
Non hai moitos meses os membros e directivos do Partido Popular chamábanlle okupa e outras lindezas o actual presidente do goberno. Dicíanlle cousas moi grosas e reprochábanlle que nunca gañara unhas eleccións. Hai xa bastantes anos, no Parlamento galego, tres deputados do BNG eran expulsados da cámara por non xurar a Constitución. E catro anos máis tarde, sen modificar o regulamento da mentada cámara, prometían por “imperativo legal” acatar a Carta Magna e así podían exercer como membros desa institución galega.

Este recordatorio ven a conto pois todo aquelo que predicaban tanto PP como Cidadáns, e que foi motivo dunha furibunda crítica contra o actual presidente do Goberno, chegado o momento de acceder ó poder en Andalucía quedou esquecido, pois fixeron totalmente o contrario do que se mofaron e esixiron con tanta verborrea. 
Primeiro chegaron a un acordo pra formar unha maioría, iso si, esquecendo que perderan as eleccións e impedindo gobernar a lista máis votada. Iso é legal?, pois si. Mais a contrariedade é evidente pois predicaban e querían o contrario. Lembremos a frase repetida como un mantra que dicía: que goberne a lista máis votada. E para branquear a entrada dos chamados patriotas de Vox e que estes non tiveran que xurar por imperativo legal, modificaron o regulamento e permitiron un xuramento que esquecía respectar o Estatuto andaluz. Logo xuraron por España. 

Cousas veredes, o mesmo partido en Galicia aplicou unha vara de medir moito máis dura que en Andalucía. Pero as hemerotecas están para lembrar e amosar os renuncios que tamén fan as forzas da dereita con tal de amarrar o poder. Forzas que foron e son moi belixerantes cuns e moito menos cos inimigos da democracia. 
O raposo do conto inicial trataba de convencer ó galo co conto e a verborrea de que hai leis que nos mandan levarnos ben. E que el ía cumprilas. Mais o galo non se fiaba e facía ben póndose en sitio seguro, pois o raposo sempre engana. E algo semellante acontece coa dereita patrioteira que hoxe hai.

En fin, cando a aplicación rigurosa da lei pode frear a chegada ó poder dos seus, a dereita muda o discurso e todo o que dicían queda esquecido para facer o que máis convén en cada momento.

Te puede interesar