Opinión

Precísase unidade e luz na escuridade

O cambio de hora no equinoccio que lle dá a entrada o outono anuncia un tempo no que a luz esmorece por ser os días máis pequenos. Desta maneira, case sen decatarnos, entramos na estación das saudades onde as lembranzas xermolan con máis forza que noutras datas do ano. A noite gánalle espazo ó día e todo parece máis escuro e incerto. Semella que o optimismo decae axudado pola pandemia que hoxe nos invade. Todos os plans que se mantiñan para o futuro máis inmediato están sometidos a unha continua provisionalidade. E a luz que sinale a fin do túnel non se albisca.

Vivimos unhas datas nas que todo revirouse amosándonos a realidade, pois nin eramos tan fortes, nin tiñamos tantos recursos pra afrontar o que nos viña enriba. Mais a iso hai que sumarlle que estamos nunha sociedade onde todos podemos pensar e opinar o que nos peta. E iso permite a protesta dos que nunca están de acordo; dos que non colaboran; dos que aparecen como negacionistas que non ofertan nada máis que a barbarie e o desorden. E se isto ven alentado por grupos que difaman e difunden noticias e trolas que só axudan a aumentar a incerteza e o desorde social, o tema lévanos a matinar que poden volver tempos escuros e irracionais onde as liberdades estiveron sometidas ó capricho de sanguinarios caudillos.

Todos sabemos que hai sectores empresariais que o están a pasar moi mal. Sectores que, por mor de decisións do poder, non poden desenvolver o seu traballo e por iso teñen dereito á protesta pacífica. Mais resulta moi negativo que grupos políticos, anden a aproveitarse do que é unha pandemia mundial pra sementar insidias, desconfianzas e mentiras. E, o que é peor, fanno sen propor ningunha alternativa. Somentes animan a manifestarse e indirectamente a alentar o desorde.

Nefasto traballo fan os que chaman a saír á rúa para pedir liberdade. Como se neste país houbera censura e estiveramos nunha ditadura. Desfacer todo, cargarse o mobiliario urbano, rachar escaparates, asaltar comercios e apoiar algaradas sempre foi moi sinxelo, ao igual que irresponsabel. Pouca luz teñen estes persoeiros e ningunha os seus seguidores. Pouca ou ningunha solidariedade teñen co resto da sociedade que si garda as normas.

En fin, no tempo que merman os días e a noite gaña espazo, precisamos con urxencia ter sosego e afrontar unha situación que vai pra lonxe. E témolo que facer sen mentiras piadosas, e con propostas positivas que conxuguen manter a economía e a saúde; pero fuxindo desas minorías radicalizadas, que alentadas por grupos radicais, aproveitan todas as crises pra crear caos, sen ofertar ningunha solución á situación presente. Concluíndo: precísase unidade política e social e luz pra saír da escuridade na que hoxe nos atopamos.

Te puede interesar