Opinión

Pregoeiro e mitineiro

Houbo un tempo no que o pregoeiro dunhas festas sempre era unha persoa con certo caché cultural e que era convidado pola comisión organizadora, pois a súa presenza dáballe lustre e animación ó evento festivo. Mais os tempos mudan e todo vai trocando, aínda que moitas veces non sexa para mellor. A nosa sociedade evoluciona e non sempre cara feitos positivos. Estamos no tempo dos populismos electorais e, como lle escoitei a un mandatario do que non quero lembrar o seu nome, o que se promete é unha cousa e o que se fai outra ben distinta. Ou sexa: prometemos o ouro e o mouro, e logo faise o que lle convén ó suxeto de turno, e sempre en nome dos cidadáns.

Eu fago o que quere a xente, repite con teimosía o que así actúa. Mais no fondo o que buscan estes persoeiros é unicamente manterse no poder dilapidando os cartos públicos sen pudor nin vergoña ningunha. Por tal motivo, como o importante é dilapidar os cartos públicos, pois búscase a un cidadán que se preste e, naquel barrio onde nunca houbo festas tradicionais, móntase unha. Quen a paga? Pois o Concello cos cartos de todos, a cambio de que o alcalde faga un pregón que ven a ser un mitin propaganda louvando o seu bo facer.

Esto é o que acontece moi preto de nós. O obxectivo é darse un baño de admiración coa xente nova que, inconsciente dos obxectivos, aplaude a unha persoa que ten moita labia e que pretende convencernos de que todo na vida é esmorga e pasalo ben. O demais, os problemas, non teñen importancia, e polo tanto, para el é como se non existiran.

Ourense, especialmente a cidade, está a escribir unha páxina escura e triste da súa historia. Está a vivir un tempo de menosprezo da intelixencia que está sendo substituída pola ocorrencia, polo disparate e o ninguneo institucional. O desleixo do que é público non é importante, mentres se promociona o divertimento chocalleiro como única arma electoral.

Os cartos públicos investidos en trangalladas e a urbe camiña sen proxecto nin saber cara onde se vai dentro do conxunto das cidades galegas. O descrédito invadiu a institución municipal. Quen é o culpable? Pois somos todos en certa medida. Uns por menosprezar o poder de convicción dun engreído predicador de solucións drásticas e máxicas, e tamén de non sermos conscientes do que se viña enriba; e outros por apoiar e crer milongas cheas de fantasía, ou, se o prefiren, contos baratos. Logo quedan os terceiros, os que por manter a cadeira da Deputación pactaron con quen axiña os arredou do goberno do Concello para ter as mans libres e agora facer o que lle peta en nome dunha cidadanía anestesiada; cidadanía que mira para unhas luces horteras como se non vira nada semellante no mundo. En fin, na historia desta cidade quedará plasmado que temos un alcalde mitineiro que emprega os pregóns como escusa nas festas inventadas para a mocidade por pura comenencia electoral. E todo baixo a escusa de que “eu fago o que quere a cidadanía”. E a cidadanía, un tanto noqueada, asiste impávida a un triste espectáculo. Sen pudor e medo a enganarme digo: Ourense dame pena.

Te puede interesar