Opinión

Os que pasan á historia

Os acontecementos sobor da guerra derivada da invasión de Ucraina tráenme á memoria os tempos da escola. E lémbranme cando se falaba de que tal rei ou xefe de Estado fora moi bo, pois conquistara tal ou cal país e fixera máis grande ó seu imperio. Dos demais, daqueles outros que non fixeran guerras e non conquistaran ren, non se falaba. Non tiñan categoría, pois non anexionaran ningún país ou nación, polo que sempre eran esquecidos.

Co paso dos anos, a realidade social foime sinalando que as cousas non son como as pintaban naquela escola triste e autoritaria. A política da forza e da conquista polas armas era a que mandaba e a que se predicaba dende o Réxime; era a que se impartía na maioría dos centros de ensino. A miña compañeira e muller cóntame que no colexio da cidade onde cursaba o Bacherelato, un profe moi coñecido que xa finou facíalle a seguinte pregunta ás alumnas: “Qué le diría Franco a Hitler para que no nos invadiera España como lo hizo con otros países de Europa”. Todas as rapazas da clase quedaron caladas. E digo eu, que lle iba dicir?: pois que era o seu aliado. Ou sexa: outro admirador daquel réxime noxento de asasinos. Neses tempos e nesas escolas era nas que sempre se falaba deses grandes conquistadores que arrasan os países pero que pasaron á historia como grandes heroes. Mais, os anos, e sobor de todo o tempo que vivirmos en liberdade, trocou a forma de ver a vida e impuxo unha visión moi distinta a da película que nos contaban.

Agora, cando o principio de soberanía dos países esta recollido na carta das Nacións Unidas, e cando desapareceron os bloques ideolóxicos con modelos distintos na economía, rexurde da man dun autócrata como Putin un serio perigo para o mundo das liberdades; e o concepto de soberanía das nacións e dos estados ponse en cuestión coa invasión de Ucraina.

Polo tanto, a pregunta que a moitos nos ronda na cachola é a seguinte: Cando o sistema económico e igual en todas as partes do mundo, cal é o motivo desta deriva que pon en cuestión e ameaza ás democracias europeas?

A resposta é complexa, pero a ameaza, real. No fondo, son dous elementos os que se xuntan e actúan á vez coordenadamente. O primeiro é tentar acadar o control das enerxías que hoxe son básicas para mover a economía e, por extensión, o mundo. A segunda, o afán de volver ás fronteiras que antes tiña o Telón de Aceiro, ou sexa: á Unión Soviética. Dito doutra maneira, Rusia quere manter baixo o zapato ós estados que pertenceron ó réxime comunista.

Hai uns días finou o pai da Perestroika. E o desprezo con que Putin o tratou é un indicativo de que, pra este autoritario gobernante o seu legado foi moi negativo pois con el desintregoruse a chamda Unión Sovietica.

Vivir en democracia, aínda que esta teña as súas eivas, é moi complexo e delicado. Europa leva dende 1944 un período de paz no que se acadaron moitos obxectivos que redundan no nivel de vida dos países e das xentes que neles vivimos. Hoxe, por mor da guerra, promovida polo autócrata Putin e apoiado por China, vense nubes escuras que anuncian tempos incertos. Esperemos que escampe e que a enerxía non se convirta nunha arma de guerra como xa acontece. Por elo, é preciso que á historia pasen os que gobernan para acadar mellor nivel de vida; que pasen os que respectan os dereitos humanos, os países e as fronteiras, e non os conquistadores que invaden e eliminan a soberanía dos outros co afán de que historia os lembre como grandes gobernantes.

Te puede interesar