Opinión

Ramplas e pouco máis

Para subir al cielo se necesita una escalera grande y otra chiquita, allá arriba, allá arriba, allá arriba iré...”

Seica por aforrar uns cartos, o alcalde que temos decidiu que o Concello non estea presente en Termatalia. E claro, vénme á memoria o que dicía o noso rexedor cando estaba na oposición: “Nesta cidade o termalismo non ten futuro”.

Pois ben, estas e outras afirmacións semellantes fíxoas este persoeiro tan ilustrado nos plenos e noutros lugares públicos, e agora van sendo realidade. Os visitantes veñen a Ourense despois de ollaren os vídeos nos que a piscina das Burgas está con auga xunto as pozas públicas e privadas da Chavasqueira, e logo chegan ó corazón da cidade e a mellor piscina termal está seca á espera dunhas obras que tardarán en facerse. A día de hoxe non temos nin a piscina das Burgas funcionando, nin os contendores do lixo arranxados, nin as prazas de abastos en marcha, nin nada de nada. Todo foron fogos de artificio e bravatas. Pola contra, temos anuncios de ascensores, ramplas e escaleiras mecánicas que seica van facer que Ourense e os ourensás cheguemos axiña ata o ceo, como di a cantiga do comenzo. O medio que promociona ó alcalde e que ten un único empregado, ó que lle paga a Deputación, é o voceiro deses grandes logros. Este medio do que falo, antes de estar no goberno local buscaba os buratos e iba denunciando e amplificando a noticia para que quen agora manda dera caña no pleno, onde a incontinencia verbal lucía amosando a comedia máis esperpéntica na que se convertiron estas sesións.

Que mal tempo vive o Concello da cidade, onde xente sen principios nin ética ocupa o poder. Hai uns días un presidente dunha asociación dicía publicamente: o máis triste desta situación é que si se funde unha luz, ou si hai un buraco que tapar, non hai con quen falar para arranxar o tema.

O mandato remata, e achégase a hora de xustificar o que se fixo nestes catro anos. E no haber non hai nada de nada. Se cabe, sumar a desfeita cultural, catro beirarrúas, uns cantos aglomerados e escaleiras mecánicas na Concordia que nada de nada van arranxar, pois acabaran morrendo como o “escalextric” de Vigo. Rúas con esa pendente hainas a esgalla, e poño por exemplo a subida da Barreira para irmos ó Concello.

O desleixo en todos os eidos é tan evidente que nos avergoña como ourensáns, pois todos temos parte de culpa do que acontece. Uns por aupar o que hai e outros por toleralo.

O Concello máis importante da provincia non estará presente en Termatalia, e penso que será porque a soidade do alcalde e a vergoña de non ter nada que presentar nesa feira dalle medo. Medo ó ridículo, medo a camiñar soiño e a non ser nin considerado. 

Para subir ó ceo e pasar positivamente á historia desta cidade hai que traballar pondo a funcionar os servizos que hoxe están en precario e que por elo son un lastre e unha carga económica impresionante para todos os ourensáns; hai que ser unha persoa apreciada e considerada pola grande maioría dos ourensáns dunha cor e doutra. E despois, deixarse de por ramplas sen ter un estudo de viabilidade e custos, non so de obra, senon de mantemento. Mais, como vanse colocar ramplas a montóns, pois ó alcalde Ramplas pídolle unha para subir a ermida de Santa Agueda de Seixalbo. Alí vai moita xente para divisar a Auria nunha depresión xeográfica e tamén para rezaren ou ter amoríos. Queda dito.

Te puede interesar