Opinión

Responsabilidades políticas e penais

Din os entendidos no asunto que tomar resolucións a sabendas de que son ilegais ou de que vulneran a lexislación é prevaricar. Mais acontece que, cando algúns gobernantes cometen falcatruadas deste tipo, se non hai denuncias no xulgado quedan agochadas e os gastos que se derivan para as arcas públicas desas decisións, tomadas dunha maneira arbitraria, pagámolos todos os cidadáns. Exemplos do que digo hainos a moreas, pero por mor das meigas, que o enguedellan todo, ate pasan desapercibidas pois teñen unha escaso aireamento público. 

Todo o mundo sabe a historia do Plan Xeral de Urbanismo de Ourense e as sentencias que o derrubaron. Todo o mundo sabe como está o asunto e que problemas trouxo a decisión xudicial por facer as cousas mal a sabendas do que se facían. Problemas para a cidadanía, gastos para o Concello e atrasos para ter seguridade xurídica e posibilidades de que os cidadáns saiban o que teñen e poden facer nas súas propiedades. E que penalización levaron os que cometeron tal fraude ou si o prefiren falcatruada. Pois cero. 

Outro asunto, aínda que diferente ó anterior, é o caso do convenio que no bipartito fixeron entre a consellería responsable das estradas e o Concello de Ourense sobre a reparación destas vías urbanas propiedade da Xunta que pasan pola cidade. Ese convenio quedou sen rematar. O goberno de Feijoo adiouno de forma indefinida, cando aínda quedaban dous millóns de euros sen investir na cidade que eran para o tramo dende a rotonda do Paco Paz ate a dos velorios. Mais o actual alcalde contesta que non quere saber ren de tal convenio. Polo que Ourense perde unha cantidade importante de cartos para investir. Pero todo o mundo sabe que os convenios entre administracións son de obrigado cumprimento, salvo que de mutuo acordo se suspendan.

Pois ben, nos últimos días saltou á luz, pois pasou totalmente desapercibido para a opinión pública, que a Xunta presupostou tres millóns de euros para pagarlle a seis empresas pola sentencia de danos causados pola caída do concurso eólico que fixera o bipartito. E agora retrocedamos no tempo, e lembramos os argumentos que Feijoo aireaba sobre dito concurso. Dicía que era un concurso ilegalm, que non cumpría coas normas e legalidades do momento, que fora un amaño para darllo ás empresas amigas e unha ristra de cousas máis. Pero a Xustiza sancionou afirmando que si era totalmente legal e que estaba ben feito. E agora a sentenza pasa a ser definitiva e hai que pagar. Hai que resarcir ás empresas que foron privadas dun dereito por unha decisión arbitraria e caprichosa. E a pregunta está na boca de todos: Quen paga? Pois non paga Feijoo, senon que pagamos todos.

Por iso creo que, en aras da democracia e a responsabilidade, penso que hai dar un paso máis e afondar nun asunto que moitas veces se anda a repetir. Polo que non chega con asumir responsabilidades políticas, non. Estas -como estes asuntos tardan anos en arranxarse nos xulgados- son esquecidas e nin sequera os cidadáns se lembran delas para exercelas. De agora en adiante deberíase pedir responsabilidades económicas e penais. Así os responsables políticos e gobernantes andarían con moito máis coidado. Dado que cando hai que rascar o peto propio míranse mellor as cousas e cométense menos falcatruadas.

Te puede interesar