Opinión

Revanchismo?

O tema de quitar a Franco, o chamado “xeneralísimo”, do mausoleo do Valle de los Caídos saca á luz cantidade de frases e calificativos case todos de parte interesada. Mentres membros da familia falan de revanchismo, os novos líderes da dereita, Casado e Rivera, acusan ó Goberno de electoralismo, oportunismo e de furgar nas feridas do pasado. Feridas que segundo estes políticos están superadas polo tempo e a día de hoxe hai moitas cousas mellores que facer que falar do ditador e menos movelo do mausoleo no que se atopa. E, facendo un alarde de contrariedades, ate propón, o novo lider dos populares, a sustitución da Lei de Memoria por outra chamada de Concordia.
Pero, o máis curioso do asunto é que, tanto Casado como Rivera, son dous rapaces novos que pola forma de falar dá a sensación que soamente lles ensinaron a historia da España “oficial”, ou sexa, a que escribiron os vencedores. Historia chea de medias verdades e moitas mentiras; relato que agocha crimes arrepiantes. A outra, a dos perdedores, descoñécena na súa totalidade e por iso falan con tanta lixeireza, xustificando que non é o momento nin a forma de quitar do mausoleo o ditador, o que ven a dicir que é mellor deixalo onde está e non facer unha revisión desa historia dada sempre por boa. Historia que esquece que hai milleiros de persoas que precisan, dunha vez por todas, dignificación e pechar unha parte da nosa vida en común chea de atrocidades, latrocinios e asuntos moi escuros. E para elo hai que resarcir e dignificar a memoria dos represaliados e mortos por defender a República e a democracia. 

Resúltame imposible, ó falar deste asunto, esquecerme das tropelías que fixeron os vencedores e donos do poder absoluto neses longos anos. Os que escribiron a historia dun país que sufriu unha guerra civil a que eles lle chamaban “cruzada”. Resúltame difícil comprender o silencio da nosa Igrexa e o seu colaboracionismo co poder. Por iso, a día de hoxe, moitos milleiros de persoas esperábamos que coa chegada dunha nova xeración de políticos, todos saberían algo máis das vergoñas e feitos dun réxime escuro que sempre falou de vencedores e vencidos; ou que asesinou a cidadáns acusándoos de erguerse contra o poder establecido, cando foron os franquistas os que se ergueron contra a legalidade republicana. En fin, o mundo ó revés. E agora, estas persoas de alta cuna, veñen a contarnos a milonga de que é mellor deixar as cousas como están, de que hai que esquecer, etc. E son tan demócratas que ignoran as recomendacións sobre o tema dos organismos internacionais como a ONU.

Rematemos dunha vez con este asunto. Devolvámoslle o honor ós axusticiados anulando os xuízos sumarísimos. E nese caso lembremos a Alexandre Bóveda e outros galeguistas que foron fusilados por defender a autonomía de Galicia que hoxe temos; que moitos alcaldes galegos e concelleiros, ente eles o alcalde de Ourense Manuel Suárez, e moitos ourensáns, entre eles o veciño de Seixalbo Manuel Fontaiña Feijoo, foron axusticiados en xuízos sumarísimos por pensar de maneira diferente ós sublevados; quitemos ós mortos das cunetas e fosas anónimas do cemiterio de San Francisco e pechemos, dunha vez por todas, este triste capítulo da historia de España. Pero iso contémosllo ós nosos fillos e netos, pois eles deben saber as diferentes versións. Coñecer soamente a dos vencedores implica dala sempre por boa, e iso é tanto como falar de negacionismo e búsqueda da verdade. Falar de que non ten presa ou de deixar tranquilos ós mortos, ou falar de revanchismo é tanto como querer defender e xustificar o que pasou nun periodo tan longo como escuro da nosa vida en común como Estado. E deixémonos de lerias: non é revanchismo, é xustiza e dignidade democrática.

Te puede interesar