Opinión

Revisionismo histórico

Coñecer o noso pasado para entender o presente é unha premisa que segue a cumprirse a día de hoxe. Mais esta verdade moitas veces é esquecida e iso leva a que os humanos topemos coa mesma pedra ou que cometamos erros que son fonte de conflitos sociais malos de arranxar. A historia dos imperios, estados e nacións do mundo esta chea de feitos que, vistos moitos anos máis adiante, considéranse aberracións históricas. Pero a humanidade fíxose así. Os abusos e barbaridades que hoxe non se poderían soportar, noutros tempos foron consideradas xestas relixiosas, patrióticas e gloriosas. 

Mais, dende que hai uns anos chegaron ó poder persoeiros moi conservadores e populistas que rezuman un tufo supremacista; estanse a desencadear unha serie de protestas que, no caso dos EEUU, poñen de novo a discriminación social, a desigualdade e abusos sobre as xentes negras e tamén os latinos. Estes abusos, sobor de todo policiais, están derivando en protestas e tamén desordes e derribo de estatuas de persoeiros que, nalgún momento a sociedade, ou o poder, considerou que foron artífices de feitos históricos importantes; feitos que hoxe irían contra moitas leis e os dereitos humanos. O certo e que eses persoeiros, diante moita xente, hoxe aparecen como culpabeis de moitos dos males que agora sofren os grupos sociais marxinados. Porei como exemplo a chamada colonización de América ou o comercio de escravos que foron levados en galeras ó chamado novo mundo.

Entendendo que na sociedade americana si existe un racismo encuberto, sobor de todo sobre os afroamericanos, entrar a saco no eido revisionista da historia pode levarnos a un sesgo que hoxe dificilmente se podería valorar con certa equidade. Para analizar o pasado dende o presente, compre facelo co coñecemento histórico dese tempo, da maneira de pensar daqueles anos e un longo etc. Debe quedar claro que de ningunha maneira se xustifican as barbaridades que se cometeron tanto na conquista de América como noutros fitos que institucións de todo tipo levaron a cabo. 

Mais, vendo que hoxe son moitos os que din que hai que revisar a historia daquela conquista e colonización do novo mundo, xurde unha pregunta: por que nos países nos que houbo conflitos catalogados como aberracións e xenocidios e guerras no pasado, como é o caso da II Guerra Mundial e o nazismo, a día de hoxe non se plantexa un revisionismo? A resposta podería ser porque rematado o conflito, dende o poder e a escola fíxose unha explicación crítica e aceptouse e pediuse perdón polos erros cometidos. E iso asumiuno a cidadanía. E, consecuentemente, rehabilitouse, ainda que tardiamente, ós que sufriron nas súas carnes as inxustizas.

Isto pode levarnos ate o que foi a Guerra Civil nosa. En España houbo unha transición, pero nela non se fixo un revisionismo crítico do que foi a ditadura e iso aínda supura nun importante sector social.

Si falamos de revisionismo histórico cómpre ser moi prudentes. Con todo, non iría mal que no caso do comercio de escravos, seres humanos que foron roubados en Africa e tratados como bestas no continente americano, o país das barras e estrelas entonara un mea culpa e comenzara unha nova xeira que rematara co racismo nunha sociedade que aspira a ser modelo mundial de integración social e progreso.

Coñecer o pasado histórico e recente axuda a entender o presente. E iso hai que facelo dende a escola. Mais, no noso Estado, aínda hai temas, como o da Guerra Civil, que parece que están vetados nas aulas. E así pouco se pode avanzar.

Te puede interesar