Opinión

SEGUIMOS SEN GOBERNO

Os dous grupos dos que depende a moción de censura para mandar á casa a Jácome e os seus colegas, parece que non teñen presa en buscar un punto de encontro que nos libere do descalabro e da desgobernanza que sufrimos no Concello das Burgas. O tempo pasa e o desleixo e as ocorrencias seguen a campar nesa casa de todos. Mais, para os populares, asegurada a gobernanza e a maioría no Pazo provincial, o demais pouco parece importar. Os representantes dos dous grupos maioritarios argumentan, cara á galería, que todo o que fan é polo ben desta cidade. Mais, a espera antóxase eterna. No fondo, todos aspiran a estar nun goberno onde parece que haberá un bo fato de millóns para inversións. E iso leva a que todos queiran aparecer na foto mandando nas mellores concellerías.

A verdade é que, dende que a xuíza De Lara meteu as súas zarpas en Ourense desfacendo un goberno, todo foi a peor. Todo camiñou cara o desprestixio azuzado dende a oposición que facía o ínclito e tarabelo persoeiro que hoxe ocupa a cadeira municipal. A política na cidade pasa por tempos escuros que quedarán na lembranza do que non debe ser. Tempos murchos, onde Ourense vai esmorecendo e morrendo no desleixo máis funesto. Por mor do covid suspendéronse moitos actos e celebracións nos que o axuntamento era o organizador. E por mor da desgobernanza e das trangalladas internas dun chamado partido de colegas que medrou arredor dun medio televisivo mentireiro, chegamos a esta situación. Non entendo ainda hoxe como picaron moitos dos nosos veciños nas promesas dun telepredicador barato. E tampouco sei como viron a luz no que resultou ser un fiasco absoluto. Dime con quen andas e direiche quen es, tristeiro e clarificador dito do que agora moitos queren liberase pois ben que berraron a favor do pintoresco persoeiro.

E agora, empantanados na merda, os actores principais; os que poden porlle freo a este declive, son incapaces de arranxar este despropósito. Ben sei que hai grupos que non poden vivir sen poder. Que a súa existencia está xustificada soamente polo feito de mandar e ter influencias sobor dos demais. E neso, os populares levan a bandeira. Existen e viven pra ocupar o poder. Mais o que si sabemos moitos ourensás é que estamos sen goberno e que Ourense non importa ren. Ourense nin importa para o Feijoo nin pra Ferraz e os seus mandados. Será porque o noso concello, e tamén a provincia, xa nada pintan nin dentro do territorio galego. Pero, non nos enganemos, pois tampouco a nada aspira a cidade nin a provincia. Parecemos que aceptamos esta crise igual que a pandemia con resignación. Urxe porlle data a censura e arrincar esta páxina dunha vez da historia ourensá. Borrala da vida democrática do concello e encetarmos un tempo que lle devolva o prestixio e a cordura á institución municipal e por extensión a esperanza a todos os ourensás.

Te puede interesar