Opinión

Seixalbo e as Festa dos Foros

Os anos pasan axiña e nós, tan entretidos no día a día, case non nos decatamos do paso do tempo. No ano 2006, na praza do Cabildo, a Asociación Cultural Agromadas xuntaba a un grupo de mozos e mozas e amparándose nos datos recollidos no libro “Seixalbo: anacos do pasado”, de Marga Seara, Elena González e un servidor, facía unha representación dos feitos acaídos en Seixalbo dende 1839 e que terían o final no 1859. Vinte anos durou un pleito contra o Cabildo e bispo de Ourense para eliminar a carga foral de teren que pagar 500 moios de viño anuais ás autoridades eclesiásticas. Seixalbo, coa súa loita, elimonou os foros 100 anos antes que no resto de Galicia.

A idea de recuperar a data histórica do fallo do xuízo xa se viña madurando dende anos atrás dende Agromadas. E aproveitando que as festas tradicionais non eran continuadas debido ó custe económico, e que naquel 2006 non había festa de San Xoán, decidiuse a celebración daquel fito histórico no que 133 veciños plantexaban o xuízo. E así comenzou á que a día de hoxe é a festa máis participada da vila de Seixalbo.

Este ano, a xuntanza vai pola 13ª edición e o Premio Freire Carril pola 11ª. Distinción que leva este nome por ser Fernando Freire Carril o principal impulsor e defensor dos veciños no mentado pleito, e que ten como obxectivo distinguir a persoas e entidades que loitan polo común e a defensa do que pertence o sector público asi como pola cultura, en especial a galega.

Nin que dicir que dar a coñecer entre os habitantes unha parte moi importante do noso pasado foi un acerto, pois nesta nosa antiga Vila e Couto aumentou a autoestima dos seixalbeses polo lugar onde viven. Aínda que haxa que esquecer atrancos e problemas derivados do PERI como non ter aínda a fibra óptica. Con todo, os seixalbeses síntense orgullosos de pertencer a un núcleo que ten vida propia, e que sigue vivo culturalmente, case sempre traballando ó marxe da vida do Concello. Pois salvando épocas concretas, a Concellería de Cultura ignora o que se fai neste núcleo histórico ourensán.

Agora que o novo goberno do Concello fala de mover as festas de data, conviría que, máis que en movelas, pensara en trocar de modelo de festa. En darlle contido e unha participación activa dos veciños. Ainda que pra iso é preciso que haxa feito que os una e unha infraestrutura cultural forte, cousa que non existe na cidade.

En fin, o 28 e 29 de xuño distinguiremos co Freire Carril a unha loitadora de raza, a unha compostelá que quere transmitir a memoria dos nosos maiores e que se chama: dona Luz Fandiño. Logo camiñaremos polas rúas de Seixalbo e cantaremos todos con moita ledicia pois a Festa dos Foros e o seu contido prendeu na xente e sigue viva. E nestes tempos, onde o individualismo social parece unha meta, iso é un unha boa nova.

Te puede interesar