Opinión

Seixalbo no pasado

Nos tempos do covid, tomando todas as medidas sanitarias que indican, estase a celebrar o Mes Cultural en Seixalbo. Esta xeira de actividades que comenzaron hai máis de trinta anos coa chamada Semana Cultural seguen vivas e xa son unha tradición que lle toca organizar, coa colaboración doutras entidades do lugar, a Asociación Veciñal San Breixo. 

Pois ben, este venres pasado tiven a oportunidade xunto con Elena González e Marga Seara de falar do pasado desta antiga Vila e Couto integrada no concello de Ourense no ano de 1835, segundo decreto publicado no Boletín Oficial da Provincia o 10 de xuño de 1836. No acto saíron á luz moitas datas e persoas que traballaron neste noso lugar e que foron partícipes activos na vida comunitaria. Así, Marga ilustróunos coas orixes que parten dun asentamento castrexo do Castro Floxo, ubicado preto da vila. Tamén falou das orixes da igrexa actual, que son visigóticas con posteriores reformas. Igualmente lembrou o hospital de pelegríns e a virxe medieval do século XIII que está no Museo da Catedral de Ourense. Falounos da estrada cara a Castela que pasaba polo centro de Seixalbo ate 1929, cando foi inaugurada a N-525, hoxe OU105, e moitas cousas máis. 

opi_23

Elena falou da transmisión oral citando a Luis Cid Rivo como un gran animador que foi para nós, pois infundiunos a curiosidade por saber a historia deste noso lugar. Sinalou a grande axuda que facían nestes lugares as parteiras, o compoñedores de ósos, e a xente que se adicaba a facer as labouras de veterinarios. Neste senso lembrou a Benigna Pérez Amado e a outras persoas que foron esenciais cando non había Seguridade Social ou cando esta era moi precaria. Tamén lembrou ós mestres que deixaron pegada en Seixalbo, así como algunhas curiosidades.

Pola miña parte, lembrei en primeiro lugar a necesidade de que a xente moza saiba do seu pasado para, deste xeito, entender e valorar o presente. E a continuación, saíron datas que na vida deste núcleo de orixes medievais foron importantes. Falouse de documentos forais, da integración no concello das Burgas, do nacemento en 1908 do Sindicato Agrario Católico que durou ate 1932. Nesa organización, entre outras moitas actividades, acordouse crear unha escola de primeira instrución en 1910, nomeando profesor a don José Iglesias Freire. Tamén se acordou en xaneiro de 1914 a fundación da Caixa Rural de préstamos de Seixalbo. Lembrouse a chegada da luz eléctrica en 1931. 

Falouse dos distintos periodos na vida do lugar, concluíndo que Seixalbo sempre foi un lugar moi reivindicativo. E que a unidade veciñal foi a gran base para loitar polo progreso e a mellora en servizos e calidade de vida. Este dato confírmase no grande apoio social que tiñan as reivindicacións, pois dende o xuizo dos foros ás reclamacións ó Concello foron sempre animadas polo conxunto da poboación. 
Por último falouse da interrupción que significou o tempo da ditadura, aínda que mantivéronse vivas as tradicións e houbo pedáneos que traballaron moito no tempo das prestacións persoais ou peonadas. Rematouse sinalando que dende o nacemento da asociación no 1979, Seixalbo volveu a recuperar parte do pulo perdido durante á ditadura. En fin, a choiva deixou, para futuras charlas, afondar máis no coñecemento do pasado de Seixalbo.

Te puede interesar