Opinión

Seixalbo: seguimos sen fibra óptica

Oproblema da fibra óptica en Seixalbo vai pra lonxe. Parece que no casco antigo que está afectado polo PERI, non haberá ate que algún santo baixe do ceo e dea a orde. Esta afirmación facíase en decembro de 2016, na asemblea veciñal na que se informa de que “a empresa instaladora indica que paralizou a colocación por orde dun técnico municipal” . Como o tema non se move polas paradas e atrancos duns e doutros, véxase técnicos, burócratas, Movistar e supoño que políticos, na veciñanza empeza a medrar a necesidade de ensinar a cara reivindicativa pra ver si, dese xeito, se enteran de que nesta vila nin sequera temos un mega pra aceder a Internet. O ambiente da última asemblea veciñal, tres anos e medio despois da parálise, parecía un fervedoiro. 

Que en Seixalbo estamos afeitos a retórica permanente das desculpas, pois é verdade. Que por termos un PERI que trae máis atrancos que ventaxas, tamén. Que, como no goberno anterior, no actual o tema non importa, pois parece que tamén. Polo que algo haberá que facer pra rachar co meigallo que sufrimos os que vivimos neste fermoso lugar.

Primeiro foron os técnicos do PERI os que impediron que a fibra xa estivese colocada. Lanzaron ameazas como a seguinte: “Quen deixe pasar o cable pola fachada terá que apandar cos custo do soterramento cando iste se faga”. A teimeza de que un fío negro de oito milímetros non podía ir polo exterior das fachadas, e por onde van os das demais das cometidas como a eléctrica, foi a causa da parada. Esta esixencia que non se aplica no casco vello da cidade foi a causante e é a discriminación que soportamos os veciños deste lugar. Vamos, que o que non se esixe na cidade no seu casco antigo aplícase en Seixalbo.

Lembro que, nunha conversa da que son testigo, un concelleiro do goberno, falando do problema, chegou a dicir: “Vai ser mellor que coloquen a fibra de noite pra que non se enteren os técnicos”. O celo e o purismo na aplicación da norma trae estes problemas. E agora que xa están postas as caixas de ferro, estamos a esperar polo mentado fío que sigue envolto nos postes do casco seixalbés.

Mentres tanto, ás portas da capital das Burgas estamos case a escuras para acceder a rede. Vamos que vivimos no tempo dos homes de ferro ou que sei eu. Iso si, pero somos un núcleo histórico a protexer cunha normativa rexa que nos obriga. Mais con tanta normativa, non aparecemos nin nas guías do Concello, nin en ningún relatorio publicitario dos que difunde, pois para a administración local parece que o que interesa é a norma para esixir e poñer pegas.

Seixalbo está fermoso, pero vivimos ó marxe do progreso. Teremos que pedirlle ou cantarlle ó concelleiro do ramo e ó alcalde que Seixalbo existe. En fin, como todo funciona moi ben en Ourense e nos tamén somos do Concello lembrarémoslle ao sr. Jácome que, entre as súas obrigas, ten a de arranxar este asunto. 

En fin, moitos somos os que percibimos que para o actual goberno os problemas de Seixalbo non existen, e por iso non son considerados. Tomemos nota pois haberá que facer algo pra que as cousas troquen e se arranxen.

Te puede interesar