Opinión

Semellan rapaces adolescentes

Falan con tal lixeireza dende as súas cadeiras de representantes dos cidadáns que mesmo arrepía. E o máis rechamante é que son altos cargos dun goberno. Son os gobernantes novos electos na democracia. Esta é a primeira conclusión que moitos quitamos despois de escoitar á presidenta da Comunidade de Madrid, que é a capital do reino desta Hispania na que vivimos, e que, pola linguaxe empregada, parece que nos ubica na época do parte único, de triste recordo, antes da chamada transición á democracia.

Ás veces penso, e pregúntome: en que colexio de alta alcurnia estudaron estes dirixentes que campan ben portados, pero que son tan deslinguados e pouco respectuosos coa vida presente e a historia sangrante deste noso Estado. Por iso, as verbas da señora Ayuso e do seu vicepresidente, referíndose á Lei de Memoria Histórica, son duras e ferintes para calquera demócrata. A presidenta dixo que lle daba arrepío lembrar dita lei, e que non sabía cal sería o seguinte paso que viría, despois de quitar os restos do xeneralísimo do mausoleo, que era como se lle chamaba ó ditador. Nesa alocución con tintes bélicos falaba de se o seguinte paso sería eliminar a cruz que culmina o monte onde está o edificio, as parroquias ou queimar igrexas como no 36. E todo, lendo cunha frialdade que mesmo parecía que estabamos noutro planeta ou soñando, pois semellaba que ía resucitar a ditadura e ó mesmo Franco. Logo, o día seguinte, medio desculpábase dicindo que as afirmacións foran dentro do acaloramento e a retórica do debate. Con todo, o señor Casado respaldaba a deslinguada presidenta, pois seica se refería ás verbas que unha concelleira madrileña dixera nunha protesta reivindicativa nunha capela da universidade.

En fin, despois de escoitar a estas autoridades, viñéronme á memoria moitas preguntas. A primeira: esta nova xeira de políticos da dereita, que tipo de formación teñen da historia de España? Dado que parece que soamente escoitaron e aprenderon a que dende a oficialidade se permitía: a dos vencedores que foi a verdadeira ate que morreu o ditador. A segunda: en que colexios e universidades estudaron? Pois todos son titulados con grandes carreiras, pero semella que carecen dunha mínima sensibilidade humana para falar así dun pasado de triste lembranza. A terceira: como poden ser persoas tan aleccionadas e ideoloxizadas para non entender que hai que pechar dunha maneira definitiva o capítulo guerra civil e da ditadura? E pra iso hai que dignificar ás vitimas que hoxe moran nas cunetas ou en fosas comúns sen nome e nos cemiterios da península. 

Por último, cabe unha pequena reflexión: estes novos líderes conservadores que ás veces semellan rapaces e actúan como tales, serán bos gobernantes ignorando a historia desta España e coñecendo soio a escrita polos vencedores do golpe de estado e a posterior guerra civil? Penso que non.

Te puede interesar