Opinión

Sen obxectivos nin metas

Despois de pechar o balance do ano, tanto a nivel individual como colectivo, sempre se marcan novas metas e obxectivos para os 365 días que se encetan. Fíxose así sempre, aínda que foran en tempos ben escuros. Tratar de mellorar e de ilusionar ós gobernados sempre foi importante. Por iso, todas as administracións sempre marcan metas novas que, ás veces, son acadadas, pero sempre son un punto a referenciar.

Mais, despois de escoitar o silencio das autoridades políticas locais e provinciais, e de escoitar ó presidente da Xunta no discurso de fin de ano, tanto en San Caetano como en Ourense provincia e tamén no Concello, non hai nada que acadar e por iso tampouco hai obxectivos nin metas. Se a caso, como din os máis vellos, o asunto é ir tirando e seguir como se poida. 

Empezarei pola Xunta, onde o presidente, diante un cadro moi simbólico de Castelao, mentando o ilustre rianxeiro e tamén a Alexandre Boveda, pra darse un tinte galeguista adicouse a falar soamente de Cataluña. E esqueceu na súa totalidade mentar os problemas galegos así como os obxectivos a acadar para o novo ano. Nada se falou da sanidade e os seus problemas, nin do paro, nin do AVE, nin da carestía das peaxes, nada de nada. Pola contra, esqueceu que Galiza estase desertizando humanamente, de que o rural esmorece e de que somos unha nacionalidade histórica en decadencia permanente. 

Achegándonos un chisco á nosa provincia, seguimos co mesmo guión. Ourense enceta un ano máis camiño da despoboación e de ir fenecendo dunha maneira alarmante. Nada novo hai para presentar nin feito nin como meta, se a caso cousiñas para dicir que se fai sen facer ren. Todo está esmorecendo como di parte do texto da cantiga “Ourense no solpor” de Manuel de Dios. Mentres, a provincia cada ano que pasa semella un grande ermo onde hai moitos xabaríns, monte a esgalla, terras en barbeito e pouco máis. 

E que dicir do noso Concello. Pois ídem de ídem. O alcalde segue a facer fotos, saír nas redes sociais aplaudido sempre polos seus, mentres na cidade, o pequeno comercio pecha por defunción, e tal como empezou o mandato rematamos cos mesmos problemas que había hai catro anos.

Pero o máis grave de todo este panorama é que a sociedade segue aterida e sen reaccionar. As chamadas forzas vivas están agochadas e soamente serven para aplaudir cando os chaman. A conformidade e a aceptación de que imos a menos instalouse na nosa vida.

E diante tan importante dilema, que fan os nosos deputados en Madrid e San Caetano onde poden condicionar cos seu votos o rumbo da política galega e en especial a de Ourense? Pois ren. Todos caladiños. 

Agora entendo a razón de que haxa cargos políticos importantes que queiran presentarse en dúas listas á vez para asegurar o posto. Si, para un concello e para as Europeas. Polo que demostran que o importante é amarrar o posto. O demais nada de nada.En fin, como conclusión: o presidente Feijoo fala dos demais e esquece os problemas e

metas dos galegos. E os demais andan a velas vir. Iso si, máis preocupados polo seu futuro que polo dos cidadáns. Isto é o que hai.

Te puede interesar