Opinión

Sinais de identidade: a Torre

Dende que o home deixou de ser nómada e pasou a vivir en grupos, naceron as aldeas, pobos, vilas e cidades. Polo tanto as cidades son a creación máis grande dos seres humanos. Nelas forxáronse os grandes avances sociais, sempre animados polas necesidades e a forzosa convivencia. E co paso do tempo estas urbes foron tecendo unhas estruturas propias onde sobresaen as súas sinais de identidade.

A nosa cidade tamén ten algúns elementos que a definen e que a distinguen doutras urbes galegas e de alén de Galicia. A Ponte Vella, recollida no anagrama do Concello; as outras pontes, entre elas o viaducto e a do Milenio, e moitos edificios históricos indican que nesta pequena urbe do interior galaico houbo xentes con saber que deixaron a súa impronta. Impronta que agora recóllese en documentos como o PXOM, onde se cataloga ós edificios que merecen ser conservados, alomenos na estética externa. 

Nos anos sesenta, nesta Auria o arquitecto Alés Reilen deseñou a chamada Torre de Ourense, edificio que se inaugurou no 1968 e que coas súas 16 alturas, naquelas datas de crecemento, viña amosar a puxanza dunha cidade que, por mor dos cartos que viñan da emigración, medraba, aínda que en moitas zonas o fixera con certo desorde e falla de previsión en servizos. Os que daquelas eramos mozos, íamos á Torre a cafetería, punto de encontro que aportaba certa modernidade e unha visión fantástica da cidade. A partires deses anos, a Torre, na que estaba o Hotel San Martín, era o mellor referente da cidade, pois o seu letreiro víase dende lonxe e amosaba que a Ourense tamén chegara o que se entendía como progreso. Lembro que daquelas os artistas que viñan á cidade á cantar ó Auria non partían dela sen visitar a Torre, subindo á súa terraza. 

Andando o tempo, coas primeiras corporacións democráticas, no planeamento da cidade, esta torre quedou recollida nas catalogacións como un edificio singular a protexer. A día de hoxe o Hotel San Martín pasou ás mans do grupo maiorquín Barceló, e chegaron uns cambios que comezaron coa retirada do letreiro antes aludido e outros elementos. A Torre perdeu parte da súa estética. Non sei se estes cambios teñen os permisos precisos, pois os novos donos do hotel soamente o son dunha planta e o edificio no seu conxunto está protexido pola lexislación vixente, mais o que amosan é a ausencia de sensibilidade para coa historia da cidade. No resto do estado hai exemplos a eito de anuncios que si tiveron que ser respectados, como é o caso de Tío Pepe en Madrid, aínda que o edificio ou un negocio cambie de dono.

En fin, os novos donos andan moi escasos de sensibilidade histórica coa cidade das Burgas. Pode ser que non tiveran tempo de empaparse un chisco indagando no seu pasado. Dado que podían deixar o letreiro de Hotel San Martín engadíndolle Grupo Barceló, e asunto concluído. Pero está visto que os ventos que veñen do Mediterráneo renuncian a saber algo destas terras e ignoran, ó mellor aposta, coñecer algo máis dunha cidade galega como é a nosa. Con esas accións pouco meditadas, borran uns sinais de identidade e de lembranza para moitos ourensáns.

Te puede interesar